Carmela Silva celebra a decisión da Fiscalía fronte aos atascos de Rande pero esixe responsabilidades políticas a Rajoy e Feijoo

A presidenta da Deputación asegurou que “non se pode permitir que despois da suposta inauguración dos novos carrís en decembro esteamos en maio con atascos continuos”
Por o 24/05/2018 | Sección: Deputación de Pontevedra
Carmela Silva celebra a decisión da Fiscalía fronte aos atascos de Rande pero esixe responsabilidades políticas a Rajoy e Feijoo
Compartir en:

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, amosou esta tarde a súa satisfacción tras ter coñecido a decisión da Fiscalía de abrir dilixencias a AUDASA para tomar medidas fronte aos “atascos continuos que está a sufrir a cidadanía” que circula pola AP-9 ao seu paso por Rande.

Silva, que asegurou que esta situación “non se pode permitir polo que a decisión da Fiscalía é acertada que aplaudimos todos e todas”, pero esixiu tamén ao Goberno do Estado e da Xunta de Galicia a que “asuman a súa responsabilidade política e dean respostas ás persoas usuarias da autoestrada”. A presidenta provincial pregúntalle ao presidente da Xunta e do Goberno de España “se non teñen nada que dicir xa que non se pode permitir que despois da suposta inauguración dos novos carrís de Rande en decembro esteamos en maio e os atascos sexan continuos”.

Silva recordou que “Rajoy estivo esta mesma semana en Vigo e pola súa boca non saíu ningunha explicación, ningunha palabra, e isto pese a que a empresa AUDASA é a concesionaria que xestiona a autopista pero a responsabilidade política da mesma é única e exclusiva do presidente do Goberno”, asegurou a presidenta provincial.