Carmela Silva chama ás sinerxias e a máis apoios para o naval e apela á aplicación das novas tecnoloxías para que “a nosa industria sexa máis competitiva”

O Teatro Afundación acolleu o I Foro Internacional de Tecnoloxías 4.0 Aplicadas ao naval, impulsado pola Deputación, que reuniu á industria e a expertas e expertos internacionais
Publicado por o día 14/05/2019 na sección de Galicia,Deputación de Pontevedra,Vigo

Carmela Silva chama ás sinerxias e a máis apoios para o naval e apela á aplicación das novas tecnoloxías para que “a nosa industria sexa máis competitiva”

“O futuro de Europa é o futuro de seguir colaborando xuntos e xuntas para construír un traballo de desenvolvemento e referencia na aplicación das novas tecnoloxías no sector naval”. Foi a apelación da presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, no acto de apertura esta mañá en Vigo do I Foro Internacional de Tecnoloxías 4.0 Aplicadas ao Sector Naval, unha iniciativa impulsada pola institución provincial que ten por obxectivo mellorar a competitividade da industria mediante a aplicación de novas tecnoloxías. O evento, enmarcado nas actividades programadas do proxecto IN 4.0 da Deputación, tamén contou coa presenza do vicepresidente da Asociación de Industriais Metalúrxicos (ASIME), Rafael Outeiral; co xerente do Clúster Naval de Galicia (ACLUNAGA), Óscar Gómez; co director xeral da Mariña Mercante, Benito Núñez; e co alcalde de Vigo, Abel Caballero, así como de expertas e expertos internacionais da industria.

Na súa intervención, a presidenta provincial recordou que “esta industria é fundamental para o noso país, para Galicia e para Vigo” e fixo fincapé na necesidade de “que a revolución tecnolóxica forme parte da nosa acción política, económica e industrial”. Tamén quixo enxalzar a importancia de proxectos como o IN 4.0, “no que todo o espazo atlántico traballa xunto”. “Somos zonas pequenas para competir, pero xuntas somos moi grandes e podemos chegar a ser moito máis produtivas”, declarou a presidenta.

“Precisamos de proxectos coma este, do IN 4.0, que son o inicio de todo. Temos que seguir con iniciativas que permitan a implantación das novas tecnoloxías”, declarou Silva. Tamén afirmou que “imos seguir colaborando con ASIME e ACLUNAGA. Contan coa Deputación para seguir desenvolvendo proxectos que manteñan o noso potencial industrial”. Amais, subliñou en que a institución provincial  “se pon do seu lado para poñer en marcha iniciativas que permitan que un sector tan importante poida ter asegurado o seu futuro, non a logo prazo, senón inmediato”.

Pola súa banda, o alcalde de Vigo, Abel Caballero, que enxalzou “que temos a industria naval privada máis importante de Europa”, puxo o foco en que “o sector naval non funciona no libre mercado, senón a través de núcleos de influencias e con capacidades de presión. Por iso é importante que esteamos xuntos e xuntas. No proxecto de recuperación do naval temos que ocupar todas as parcelas e todos os papeis. Vós, a industria, tendes que levar o proceso tecnolóxicos e nós, as administracións, darvos o apoio”.

O vicepresidente de ASIME, Rafael Outeiral, quixo salientar que “as novas tecnoloxías cambiarán os nosos sistemas produtivos e as nosas relacións laborais e que, lonxe de velas como unha ameaza, hai que ollalas como unha oportunidade extraordinaria para mellorar a competitividade das nosas empresas, para contribuír a xerar riqueza e emprego na nosa sociedade”. Tamén incidiu na necesidade no “sector naval dun maior grao de esforzo innovador para aplicar novas tecnoloxías ao modelo de negocio”. Outeiral concluíu a súa intervención asegurando que “innovar é facer un esforzo interno por mellorar os produtos e procesos, axudándose das novas tecnoloxías para ser máis competitivos e competitivas”.

Dende ACLUNAGA, Óscar Gómez avalou con datos a importancia do sector naval na economía. “Temos 14.000 traballadores directos e traballadoras directas e representamos 2,2% do PIB de Galicia. Somos unha industria que precisa ser respectada”, asegurou. “Queremos agradecer á Deputación o seu esforzo polo naval porque, grazas a este proxecto, temos unha difusión máis ampla”, continuou. Seguiu reivindicando “que queremos un apoio e una axuda que ten moita repercusión sobre determinadas zonas a crea tantos empregos directos. Dende logo, precisamos dun esforzo e dun investimento inmediatos”.

O director xeral da Mariña Mercante, Benito Núñez, puxo en valor a industria naval, da que salientou “o importante capital humano, tecnolóxico e económico e que, ademais, ten un efecto de arrastre na innovación e na mellora do tecido industrial da economía do país”. Engadiu que “as novas tecnoloxías poden contribuír a dar un carácter de diferenza aos servizos que presta o sector naval”. E, por último, recalcou que a importancia da xornada radicaba en que “aínda que o ámbito xeográfico deste proxecto fai referencia á cordilleira atlántico-europea, pode ser aplicable ao resto de estaleiros españois”.

Despois desta primeira conferencia, a xornada continuou coa presentación dos resultados dun informe de diagnose sobre o estado de implantación da industria 4.0 nos países do arco atlántico europeo que integran o proxecto IN 4.0, que son Reino Unido, Francia, España, Irlanda e Portugal. Tras a súa análise, e despois da posta en marcha de 20 tecnoloxías diferentes no sector, pasouse a explicar as cinco seleccionadas polo seu nivel de maduración, considerado óptimo para comezar a aplicar na industria. Máis polo miúdo, trátanse de tecnoloxías como a visión artificial, a realidade aumentada, a monitorización, a robotización e as plataformas colaborativas.