Carmela Silva da o pistoletazo de saída á terceira edición do Coworking de Barro, un programa “cheo de persoas talentosas, con ideas e ilusión”

Organizado pola Deputación coa colaboración da EOI, participarán 20 proxectos, con moito protagonismo para o turismo e baixo o liderado de 14 mulleres
Por o 05/02/2019 | Sección: Deputación de Pontevedra
Carmela Silva da o pistoletazo de saída á terceira edición do Coworking de Barro, un programa “cheo de persoas talentosas, con ideas e ilusión”
Compartir en:

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, xunto ao director do departamento de Aceleración Empresarial da EOI, Javier Benito, e o alcalde de Barro, Xosé Manuel Fernández Abraldes, presentaron este martes 5 de febreiro a terceira edición do Coworking de Barro, un programa dirixido ás emprendedoras e emprendedores que teñan un proxecto en fase temperá de desenvolvemento ou cunha empresa creada recentemente.

O Coworking de Barro é un programa de emprendemento froito da colaboración entre a Deputación de Pontevedra e a Escola de Organización Industrial e cofinanciado polo Fondo Social Europeo que chega á terceira edición, na que participarán un total de 20 proxectos seleccionados entre os 32 que presentaron a súa solicitude. Entre as ideas que van participar no programa da institución provincial estará moi presente un sector estratéxico para a provincia de Pontevedra como é o turismo. Amais haberá proxectos vencellados á moda, gastronomía, fotografía, comunicación, psicoloxía ou á actividade física.

No acto de presentación, a presidenta da Deputación de Pontevedra subliñou con orgullo que “a provincia de Pontevedra está chea de talento, temos moitísimas persoas con ideas, proxectos e ilusións que fronte as dificultades non se renden, tiran cara adiante e con valentía converten esas dificultades e potencialidades de futuro”. En canto ao programa, Carmela Silva, resaltou que “cada edición mellora a anterior, e esta crédeme que é extraordinaria. Cada un dos proxectos que participarán nesta edición son grandes ideas que responden a novas inquedanzas e demandas da sociedade que de seguro converteranse en empresas importantes na provincia”.

Pola súa banda, Javier Benito, director do departamento de Aceleración Empresarial da EOI, comezou agradecendo “á Deputación e a todas as persoas participantes o traballo por facer medrar este proxecto que tan bos resultados está a dar desde a primeira edición” e invitou ao alumnado a “aproveitar esta oportunidade para conseguir que os vosos proxectos se convertan en negocios rendibles e en vosos proxectos de vida”.

As e os 22 participantes que forman parte dos 20 proxectos e que participarán neste programa gratuíto terán acceso a 100 horas de formación nas que combinarán talleres formativos, dinámicas grupais, titorías individualizadas e expertas e soporte e seguimento do proxecto. Carmela Silva apuntou que “estou orgullosa de todas as persoas que van participar pero especialmente encantada polas 14 mulleres que demostran que estamos a dar pasos adiante para ocupar todos os espazos que nos corresponden” e destacou que “os recursos teñen que volver á sociedade e por iso é obrigatorio poñer en marcha proxectos como estes, xa que detrás de cada pequena ou mediana empresa hai un sono e queremos axudarvos a cumprilos”.

Tamén deu a benvida ás e aos participantes o alcalde de Barro, Xosé Manuel Fernández Abraldes, que explicou que “as institucións debemos apoiar a todas esas persoas que teñan ideas de negocio que poidan enriquecer a nosa sociedade” e sinalou estar seguro de que “todas e todos acabaredes a formación moi satisfeitas e satisfeitos e cun proxecto maduro”.

Durante a presentación, na que tamén houbo unha charla motivacional a cargo de Cristina Angulo, psicóloga, coach e experta en desenvolvemento persoal, Carmen Costas, mentora residente do Coworking de Barro, explicou que o viveiro de empresas de Barro dispón dun espazo de coworking de 125 metros cadrados, que conta con postos de traballo, unha zona para descanso e networking, e unha sala de reunións.

Amais, tamén foi proxectado un vídeo sobre o FabLab ao que poderán ter acceso gratuíto. O Laboratorio de Fabricación Dixital dispón dun completo equipamento de fabricación dixital como impresoras 3D, escáneres 3D, kits de Arduiono, fresadora de madeira ou soldadores de electrónica.

Como as dúas anteriores edicións, o programa rematará cun “DemoDay” no que as e os participantes presentarán individualmente os seus proxectos.

Comentar noticia

Your email address will not be published.