Carmela Silva destaca a importancia de sumar sinerxías e visibilizar ás mulleres na apertura da Xunta directiva do Círculo de Empresarios de Galicia

A reunión da dirección do Círculo de Empresarios de Galicia celebrouse por primeira vez na sede da Deputación de Pontevedra en Vigo
Publicado por o día 14/10/2019 na sección de Deputación de Pontevedra,Galicia,Vigo

Carmela Silva destaca a importancia de sumar sinerxías e visibilizar ás mulleres na apertura da Xunta directiva do Círculo de Empresarios de Galicia

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, recibiu esta mañá á xunta directiva do Círculo de Empresarios de Galicia, presidida por Patricia García, con motivo da reunión que, por vez primeira, se realizou na sede de Vigo da institución provincial.  No transcurso do encontro, no que ademais de Silva e García participaron a vicepresidenta e o vicepresidente da entidade, o secretario e as/os vogais, enxalzouse a necesidade de sumar sinerxías, apostar pola responsabilidade social corporativa e polo medio ambiente e visibilizar ás mulleres na empresa.

“Vivimos tempos complicados e todas e todos temos as mesmas preocupacións en canto á situación de estabilidade económica, sobre todo con respecto a algunhas decisións que se están a tomar en países como Reino Unido, Estados Unidos ou China. Hai moitos retos complexos, pero apaixonantes, e temos a obriga ética de aportar a este tempo de grandes transformacións, porque podemos ser protagonistas dese cambio”, asegurou Silva. Ante esta situación, a presidenta referiuse á importancia de compartir, sumar sinerxías, relacionarse e interactuar e apostar por visibilizar ás mulleres na empresa. “Encántame que as mulleres ocupen a metade de todo e alégrame ver mulleres dirixindo xa moitas pequenas, medianas e grandes empresas”, destacou Carmela Silva.

Ao respecto a presidenta do Círculo de Empresarios, Patricia García, desagregou os aspectos comúns co goberno de Carmela Silva, detallando “a responsabilidade social corporativa, a preocupación ambiental e tamén a igualdade na xestión empresarial. Está demostrado o valor que aportamos as mulleres ás empresas”. Ademais, García tamén destacou a importancia de sumar sinerxías e cooperar e subliñou a incidencia que ten a política local no empresariado. “Vivimos a era da cooperación”, destacou, facéndose eco do concepto “que tantas veces, cita Carmela Silva, a relevancia do traballo desde o local para o global”.

A presidenta da Deputación de Pontevedra tamén aproveitou a ocasión para facer mención á nova sede que abrirá a institución provincial en Vigo. “Buscamos un espazo aberto á sociedade, queríamos un edificio que permitise ter máis contacto coa xente, onde programar actividades ligadas á formación, á economía, o emprendemento ou á actividade cultural”, asegurou Silva.

Comentar noticia

Your email address will not be published.