Carmela Silva destaca a “reinvención” do MicroSonRias Baixas de Bueu “cun formato moi potente que segue a conectalo co territorio”

O MicroSonRías celebrarase a vindeira fin de semana e, amais dos concertos de Arco e Rayden, incluirá rutas guiadas que mesturarán música e gastronomía
Publicado por o día 27/07/2020 na sección de Bueu,Deputación de Pontevedra,Galicia

Carmela Silva destaca a “reinvención” do MicroSonRias Baixas de Bueu “cun formato moi potente que segue a conectalo co territorio”

“Será un SonRías Baixas reinventado, que fala do noso talento e da nosa capacidade para adaptarnos, un festival que vai ser moi potente”. A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, amosou hoxe na presentación do festival de Bueu o seu recoñecemento ás promotoras e promotores desta cita destacada dos Rías Baixas Fest por ser “moi valentes” e manter nun ano tan difícil un evento tan importante para o concello e a provincia, cunha asistencia o ano pasado de ata 22.000 persoas e cun impacto económico superior a un millón de euros.

O SonRías mudou este ano o seu nome a “Micro”, como destacou o seu director artístico Jordi Lauren, pero seguirá a apostar pola música e pola vinculación co seu territorio a través dun novo concepto, que incluirá os días 30 e 31 de xullo e 1 de agosto rutas guiadas polas tres parroquias do municipio (Bueu, Beluso e Cela) centradas en enxalzar os seus produtos gastronómicos e con concertos de pequeno formato a cargo de Mounqup, Arco e Rayden en medio dos paseos. A maiores, o programa musical de concertos polas noites no recinto da Estacada terá como protagonistas a estes dous últimos artistas, que protagonizarán actuacións os días 31 e 1 respectivamente.

Como subliñou Carmela Silva, que estivo acompañada neste acto celebrado no Estaleiro de Purro en Bueu polo alcalde, Félix Juncal, e o director de Agadic, Jacobo Sutil, o MicroSonRías Baixas “é música, é industria musical, é cultura, pero tamén é tradición, autenticidade dun pobo e promoción dunha terra” e, neste senso, puxo en valor a labor cultural deste concello “do século XXI que ancora no pasado as súas raíces” a través deste festival musical e tamén do cinematográfico FicBueu.

A presidenta recalcou que “era imprescindible” para a Deputación manter o apoio a un evento de atracción que sitúa á Bueu e á provincia como “unha grande referencia” e que “permite que xente de toda Galicia e de fóra coñeza Bueu e a provincia de Pontevedra, coñeza o noso talento e coñeza esta marabillosa costa” e insistiu en que a cultura “é un elemento transformador da sociedade que nos permite sentirnos orgullosos do que somos hoxe, do que fomos onte e do que imos construír para ser mañá”.

Amais, ao igual que a organización do evento, subliñou que “a cultura é segura e o está a amosar como ningún outro sector”, coa administración e os promotores dos festivais comprometidos no cumprimento de todas as medidas de seguridade derivadas da nova normalidade. Tamén agradeceu á Xunta que manteña o apoio aos festivais musicais “e creo que debemos de seguir traballando aínda máis da man para que sexan unha cousa de todas e todos, porque nos referencian e permiten que poidamos ter aquí a grandes referentes da música galega, nacional e internacional”.

Como sinalou Jordi Lauren, este ano repensouse o concepto do festival “porque este evento significa moito e non queriamos perder todo o seu retorno social e económico” nun momento de especial dificultade “onde fai más falta que nunca o emprego e o sentirnos orgulloso do espazo no que vivimos”. En concreto, faranse tres  rutas por espazos singulares de Bueu: unha pola Ruta dos Muíños de Meiro o xoves 30, outra pola Illa de Ons o día 31 e outra por Cela o día 1 de agosto, vinculadas á musica e á gastronomía. Deste xeito, na primeira enxalzarase o pan de Galicia e celebrarase un microconcerto de Mounqup; na de Ons porase en valor o polbo da ría e contará con Rayden como artista invitado e a terceira vincularase ao viño tintafemia, cuxa festa tivo que ser suspendida, e contará cun pequeno concerto de Arco. Estas rutas e concertos terán un aforo máximo de vinte persoas, pero gravaranse para acadar unha maior difusión da experiencia. Estes dous últimos artistas protagonizarán amais os recitais nocturnos no recinto da Estacada e, como sinalou a codirectora do festival, Berta Domínguez, ambos tiveron que adaptar os seus formatos no escenario á nova normalidade, “con concertos máis acústicos”. De Arco, que actuará o venres 31, apuntou que o seu líder, o ex cantante de El Puchero del Hortelano, actuará só acompañado do batería e contará amais cunha intervención especial de Rayden, o protagonista do concerto do día seguinte, 1 de agosto. Domínguez destacou a este último artista como “un dos mellores letristas da Península”. O recinto abrirase dúas horas e media antes dos concertos e, como medida de seguridade, a venda de entradas só será on line. Manterase a distancia de seguridade e haberá xeles a disposición das persoas asistentes. “A cultura é moi segura”, recalcou.

Na súa intervención, o alcalde buenense Félix Juncal agradeceu tanto á Deputación como á Xunta o seu respaldo ao MicroSonRías “nun ano cheo de dificultade” que cualificou como de “supervivencia”. “Hai meses tiñamos dúbidas de que se puidesen celebrar festivais musicais ou doutro tipo de eventos culturais (…). Pero foi moi sinxelo poñernos de acordo as tres institucións e de seguir apostando de forma decidida por este proxecto”. “Cando hai proxectos que merecen a pena, sempre somos capaces de conseguir a solución e temos que felicitarnos que este proxecto tan importante se manteña _indicou_. Será especial, pero non peor, e recobra valor a parte cultural máis ligada ao patrimonio do territorio”.

Comentar noticia

Your email address will not be published.