Carmela Silva destaca en Ribadumia a inversión de 400.000 euros para as rúas do contorno da Pousada e a mellora dos accesos ao centro de Barrantes

“Estas actuacións cumpriron todas as expectativas que tiñamos, hoxe é un día importante para Ribadumia”, salientou a presidenta provincial
Publicado por o día 15/01/2020 na sección de Deputación de Pontevedra,Galicia,Ribadumia

Carmela Silva destaca en Ribadumia a inversión de 400.000 euros para as rúas do contorno da Pousada e a mellora dos accesos ao centro de Barrantes

“Hoxe é un día importante para Ribadumia, non hai nada máis que ver o resultado das obras”. Así amosou a súa satisfacción a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva; acompañada polo alcalde de Ribadumia, David Castro, polo deputado provincial Gregorio Agís e concelleiras e concelleiros do goberno municipal, na visita ás actuacións acometidas para o acondicionamento das rúas do contorno da Pousada de Ribadumia; e, para a mellora da seguridade viaria nos accesos aos espazos públicos no centro de Barrantes, entre a gardería municipal, o CPI Julia Becerra, o pavillón polideportivo e o campo de Fútbol A Bouza. En concreto, a institución provincial investiu un total 397.806,36 euros nestas dúas actuacións “que cumpriron todas as expectativas que tiñamos”.

“Estou encantada por visitar estas obras rematadas”, salientou a presidenta en relación á actuación no contorno da Pousada, “por esta apertura dunha nova rúa cunha alta calidade, baseada no modelo que defende a Deputación, centrado na calidade urbana, na mobilidade, na accesibilidade, e en dar servizos que permitan mellorar os contornos urbanos”. Neste eido, Silva destacou que “estes teñen que ser os obxectivos prioritarios das administracións públicas”. Ademais, a presidenta provincial resaltou que “este é un paso imprescindible para que a Pousada poida facer a súa próxima apertura, canto antes mellor”. Pola súa banda, Silva tamén declarou sentirse satisfeita polas actuacións “tan importantes” acometidas nos accesos ao centro de Barrantes, “unha obra de infraestrutura viaria, enmarcada no Plan DepoRemse, que ten coma obxectivos permitir que un número moi importante de persoas poidan acceder de forma segura a aqueles lugares onde haxa equipamentos e dotacións”. Por último, o alcalde de Ribadumia amosou o seu agradecemento á Deputación e resaltou que “este tipo de actuacións son moi importantes porque sempre favorecen o desenvolvemento e crecemento dun concello”.

Máis polo miúdo, no que respecta ás obras nos viarios do contorno da Pousada de Ribadumia, a Deputación de Pontevedra investiu 211.161 euros para a mellora e acondicionamento das rúas. Así, os traballos consistiron na pavimentación e dotación de servizos das rúas 1 e 4 na urbanización Santa Eulalia, nas que se habilitaron tanto as áreas rodadas como peonís dos viarios, e executáronse os correspondentes servizos urbanísticos ata o seu enlace cos existentes. En concreto, na rúa 1 completáronse as redes de abastecemento, de saneamento, de electricidade, iluminación pública e telefonía. Tamén se executaron beirarrúas e levouse a cabo a reposición de firmes. Na 4, levouse a cabo a urbanización completa dunha rúa de nova apertura.

En canto á mellora da seguridade viaria nos accesos ao conxunto de espazos no centro de Barrantes; a institución provincial destinou 186.644,41 euros (168.000 euros ao abeiro do Plan DepoRemse e 18.600 euros a través do Plan Concellos) para proporcionar un acceso seguro ao alumnado tanto do colexio como da gardería, sen esquecer ao público que utiliza o pavillón e o campo de fútbol. Deste xeito, realizouse a pavimentación e executáronse beirarrúas na rúa Valle Inclán, primando a marxe dereita para garantir o tránsito seguro; habilitouse unha zona reservada para o estacionamento; realizouse unha nova rotonda para ordenar a circulación; colocáronse tres pasos de peóns sobreelevados; ademais procedeuse coa instalación dunha nova rede de pluviais e da sinalización horizontal e vertical correspondente.

4,4 millóns de euros na lexislatura

Desde 2015, a Deputación de Pontevedra leva investidos en Ribadumia case 4,4 millóns de euros en todas as áreas de Goberno, “o maior investimento neste concello na historia da Deputación de Pontevedra. De feito, durante estes anos coa liña 1 do Plan Concellos, Ribadumia puido financiar un total de 33 obras por máis de 1,2 millóns de euros; e coa liña 3, tamén puido contratar a un total de 48 persoas desempregadas para traballar no concello. No que respecta ao vixente Plan Concellos 2020, a institución provincial achega ao municipio preto de medio millón de euros, 472.280,77 euros, un 3,58 % máis que no último plan anual en 2017.