Carmela Silva e Abel Caballero estrean na avenida de Castelao o primeiro tramo do esperado carril bici de Teis a Samil

A Deputación de Pontevedra inviste un total de 3,5 millóns de euros na vía ciclista que, unha vez finalizada, terá unha lonxitude de case 10 quilómetros
Publicado por o día 20/09/2019 na sección de Deputación de Pontevedra,Galicia,Vigo

Carmela Silva e Abel Caballero estrean na avenida de Castelao o primeiro tramo do esperado carril bici de Teis a Samil

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, xunto ao alcalde de Vigo, Abel Caballero, inauguraron e estrearon esta tarde o primeiro tramo do carril bici que conectará Teis con Samil, un tramo de 1,6 quilómetros na avenida de Castelao, entre a rúa Tomás Paredes e a praza de América. A demandada actuación será un eixe clave na transformación da cidade de Vigo e constitúe un exemplo da aposta da institución provincial pola transformación sostible da infraestrutura viaria dos concellos.

“Con esta nova infraestrutura estamos a apostar polo medio ambiente e a reducir as emisións de CO2, ao tempo que creamos espazos máis fermosos e centrados nas persoas”, asegurou Carmela Silva. Pola súa banda, o alcalde de Vigo adiantou que se trata do primeiro tramo dun carril que comezará en Samil e rematará en Teis tras percorrer Castelao, Camelias, Venezuela, Pizarro, Travesía de Vigo e Buenos Aires.

Neste primeiro tramo, a construción do carril bici, que ten 2,40 metros de ancho e foi realizado en plataforma de formigón, implicou tamén as obras de humanización levadas a cabo na zona dos Volcáns e na praza do Emigrante. Así, no primeiro caso instalouse unha fonte ornamental que dispón de xogos de luces, música e auga, así como dunha catarata, pavimentouse a superficie da praza, ampliáronse as zonas axardinadas e renovouse o alumeado público seguindo os novos criterios de eficiencia enerxética. No caso da praza do Emigrante, renovouse cunha pérgola de estrutura metálica e vidros translúcidos, instaláronse bancos de pedra e madeira e renovouse tamén o alumeado público.

A Deputación e o Concello de Vigo asinaron un convenio en xaneiro do ano pasado para executar este carril bici que, unha vez finalizado, terá unha lonxitude de 10 quilómetros. Nestas obras, que teñen un orzamento final de 4.489.662 euros e se están a executar xa nos seus distintos tramos, a institución provincial inviste 3,5 millóns de euros, mentres que o resto do investimento lle corresponde ao Concello de Vigo. Os traballos foron adxudicados a S. A. de Obras y Servicios, COPASA.

Nas obras que se están a executar, ademais da propia construción da vía ciclista, cun total de 16.600 metros2 destinados á bicicleta na rúa das Camelias, Pizarro e Travesía de Vigo, estanse a substituír pavimentos deteriorados por outros de granito nunha superficie de 9.100 metros2 e crearanse a maiores 260 metrosde zonas axardinadas. Ademais, instalaranse 123 semáforos para regular o tráfico do carril bici e, para mellorar a seguridade, estanse a actualizar as dársenas das paradas de autobús ao longo do trazado da vía ciclista.

Comentar noticia

Your email address will not be published.