Carmela Silva e Abel Caballero poñen a primeira pedra do novo e moderno pavillón de Sárdoma

“Sárdoma merecía este equipamento moderno e integrado no seu entorno”, subliñou a presidenta da Deputación ao referirse á nova infraestrutura que reformulará a contorna do barrio cunha nova praza, aparcamento e sendas peonís
Por o 15/10/2018 | Sección: Deputación de Pontevedra,Galicia,Vigo
Carmela Silva e Abel Caballero poñen a primeira pedra do novo e moderno pavillón de Sárdoma

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, xunto ao alcalde de Vigo, Abel Caballero, puxeron esta mañá a primeira pedra do novo pavillón de Sárdoma. Esta nova infraestrutura, da que tanto Silva como Caballero enxalzaron a súa modernidade, reformulará Sárdoma, urbanizando ata 7.089 metros cadrados dos que 4.033 serán para espazos exteriores e zonas verdes.

“Ata que chegou Caballero á alcaldía esta era unha zona esquecida. Sárdoma merecía este equipamento moderno e integrado no seu entorno”, sinalou a presidenta provincial. “A Deputación de Pontevedra, a través do convenio asinado co concello de Vigo, está apostando pola cidade como nunca antes o fixera un goberno provincial”, manifestou Carmela Silva. Deste xeito, a nova infraestrutura deportiva, adxudicada por 3.079.173,60 euros, contará cun pavillón de ata dúas plantas e reformulará a contorna do barrio, cunha nova praza, aparcamento, iluminación e sendas para peóns.

Pola súa banda, o alcalde de Vigo, Abel Caballero, enxalzou tamén a modernidade das novas instalacións de Sárdoma, que contará cunha grada que poderá acoller a preto de 400 persoas, converténdoo nun dos de maior capacidade de Vigo. Amais, o alcalde resaltou o apoio da institución provincial sen a cal “este pavillón non se podería facer. Estamos a camiñar xuntos, a sumar esforzos, e case imos a pavillón por semana”, en referencia á primeira pedra que puxeron a semana pasada ambos dirixentes en Romil. Caballero engadiu tamén que “antes de que chegase Carmela Silva –á presidencia da institución provincial – Vigo só existía para pagar e para pedir votos. Agora a Deputación vén facer inversións”.

O novo pavillón de Sárdoma contará con 2.380 metros cadrados e dous andares. Ao andar superior poderase acceder por escaleiras e por unha terraza cuberta paralela á grada. Tamén contará cunha pista central con tarima flotante de madeira que permitirá albergar competicións de ámbito nacional. Ademais, as instalacións deportivas completaranse cunha sala deportiva multiusos e un rocódromo para actividades de aprendizaxe, adestramento e competición. Pola súa banda, no exterior tamén se adecuará unha pista polideportiva de 1.056 m², pechada e iluminada, que estará destinada principalmente ao fútbol sala e ao baloncesto.

O novo espazo deportivo en Sárdoma forma parte dun convenio asinado entre o concello de Vigo e a Deputación para a renovación, mellora e actualización de diversas instalacións deportivas da cidade. En total, o orzamento deste convenio para infraestruturas deportivas en Vigo ascende a 9,2 millóns de euros, dos cales a Deputación achega o 60%.

Comentar noticia

Your email address will not be published.