Carmela Silva enxalza en Silleda o investimento de case medio millón de euros no acondicionamento e mellora da mobilidade peonil na EP-6518

A presidenta da Deputación afirma que, a base de colaboración entre a Deputación e o Concello, “estamos poñendo guapa a Silleda”
Publicado por o día 07/02/2020 na sección de Deputación de Pontevedra

Carmela Silva enxalza en Silleda o investimento de case medio millón de euros no acondicionamento e mellora da mobilidade peonil na EP-6518

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, acompañada do alcalde, Manuel Cuíña, e polo deputado provincial de Infraestruturas, Gregorio Agís, entre outras autoridades, inaugurou hoxe na súa visita a Silleda a actuación acometida para o acondicionamento na EP-6518 (tramo 1), entre o p.q. 0+435 e o p.q. 0+876. Unha obra que mellora a mobilidade e a  seguridade peonil nun contorno sensible. A institución provincial investiu un total 448.077,47 euros nesta actuación.

Na súa intervención diante da veciñanza, Carmela Silva gabou o traballo que está a realizar o alcalde, de quen dixo que está a “cambiarlle a cara ao pobo”. Así, unha vez visitado o ámbito que hoxe se estreou destacou que “estamos a poñer guapa a unha Silleda que ben merecía estes equipamentos”. Máis aínda, destacou a necesidade de que as administracións acometan este tipo de obras “porque é o único xeito que temos de facer cousas para manter poboación e evitar o despoboamento do rural”.

A presidenta tamén destacou a relevancia de que a obra se sitúe a carón dun centro de maiores promovido polo Concello na modalidade de concesión pública e que está a ser xestionado por unha empresa. “Os maiores precisaban dun entorno como este; onde antes había unha antiga estrada provincial agora teñen un espazo onde van poder camiñar e relacionarse”. Ao remate do acto inaugural aproveitou a estancia para visitar polo miúdo estas novas instalacións, onde departiu longo tempo co persoal e as persoas residentes.

Durante a súa visita a Silleda, Carmela Silva aproveitou para anunciarlle ao alcalde e á veciñanza que xa está encargada a redacción do proxecto da nova rotonda que culmine a recente humanización da rúa da Chousa Nova “e máis pronto que tarde tamén a imos facer”.

O alcalde agradeceu tanto a obra que hoxe se inaugura como o anuncio desta próxima execución. “A gran maioría do pobo xa quedara contento coa humanización da rúa, pero agora coa rotonda contentaremos ao 100 %”, indicou. Manuel Cuíña que destacou a colaboración constante da Deputación de Pontevedra con Silleda e así lembrou a recente reforma do campo de fútbol “que xa lle tocaba e tivo que chegar esta nova Deputación para facela”. Neste senso, significou que tódalas esperanzas de Silleda quedaron cumpridas: “Nunca pensamos que iamos recibir tantas veces a visita da presidenta para inaugurar tantas e tan necesarias obras”.

O tramo da EP-6518 no que se actuou é un espazo moi transitado situado no límite da trama urbana, no que existen un hotel e un centro para persoas maiores. Deste xeito, os traballos consistiron na creación de espazos con prioridade peonil fronte aos vehículos, na redución da velocidade no tramo da estrada polo que discorre e tamén na execución de itinerarios peonís continuos e accesibles.

A obra pode dividirse en catro sectores ben diferenciados, todos eles cunha sección tipo de calzada de 6,5 metros. O primeiro dispón de beirarrúas de 2,5 metros na marxe dereita, mentres que á esquerda creouse unha banda de aparcamento de 2,4 metros e unha zona axardinada xunto con beirarrúas de 3 metros, ademais doutro axardinamento ata o peche do centro de día. O segundo, consistente nun tramo curvo no acceso ao hotel, deixouse un sobreancho de servizo para o hotel e na marxe dereita, aparcamento e beirarrúas con 4,6 metros de anchura. No terceiro tramo, a recta entre as dúas curvas existentes, hai beirarrúas de 3 metros separadas por amplas cunetas triangulares de formigón a ambos lados, así como unha banda axardinada de entre 3 e 7 metros. Finalmente, no cuarto tramo, sobre pasada a entrada ao auditorio do recinto da Semana Verde, a vía quedou flanqueada por cunetas triangulares dun metro a ambos lados.

Para execución destas melloras foi necesario demoler as beirarrúas existentes na contorna do hotel, habilitar a nova senda peonil sobre o antigo trazado da estrada na parte posterior ao centro de maiores e, finalmente, compensar o desnivel entre as parcelas do recinto feiral e a área de actuación cun muro de formigón de 25,15 metros de lonxitude e unha altitude que chega aos 4 metros.

9 millóns de euros durante o mandato

Desde 2015, a Deputación de Pontevedra leva investidos en Silleda case 9 millóns de euros entre todas as áreas de Goberno, “o maior investimento neste concello na historia da Deputación de Pontevedra”. De feito, durante estes anos coa liña 1 do Plan Concellos, Silleda puido financiar un total de 16 obras por máis de 2 millóns de euros; e coa liña 3, tamén puido contratar a un total de 41 persoas desempregadas para traballar no concello. No que respecta ao vixente Plan Concellos 2020, a institución provincial achega ao municipio preto de oitocentos mil euros, 782.727,21 euros, un 5,59 % máis que no último plan anual en 2017. Ademais, o concello de Silleda tamén foi beneficiario do Plan DepoRemse para a mellora da mobilidade e seguridade viaria no entorno do centro de saúde e do centro social de maiores.