Carmela Silva felicita ao concello de Cambados pola merecida declaración de interese turístico internacional á Festa do Albariño

Trátase da primeira festa da provincia que logra esta declaración internacional baseada nun dos nosos marabillosos produtos como é o viño”
Por o 12/09/2018 | Sección: Deputación de Pontevedra
Carmela Silva felicita ao concello de Cambados pola merecida declaración de interese turístico internacional á Festa do Albariño

A Presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, trasladou hoxe a “máis efusiva felicitación” ao concello de Cambados pola declaración da Festa do Albariño como “Festa de Interese Turístico Internacional”que hoxe comunicou a Secretaría de Estado de Turismo do Goberno de España.

Unha vez coñecida a esperada nova, Silva mostrouse “moi satisfeita por un logro máis que merecido polo que tanto loitamos todas e todos na provincia”, e felicitou á alcaldesa da vila do Salnés, Fátima Abal, e ao sector “xa que este é un recoñecemento compartido tamén con aquelas e aqueles que invisten en calidade, excelencia e internacionalización dos nosos caldos. A D.O Rías Baixas é unha marca de referencia internacional, dixo a presidenta provincial, porque detrás hai un traballo do sector e das administracións que apostamos polo enoturismo e pola Festa do Albariño de forma decidida”.

Carmela Silva puxo en valor “o esforzo do Goberno municipal de Cambados por lograr esta distinción e tamén todo o traballo e a promoción que supuxo o título de “Cidade Europea do Viño”. “Fixemos en colaboración co Concello unha difusión enorme do viño de Cambados e das súas adegas, cun importante calendario de actividades que estiveron presentes en todos aqueles actos de turismo que organizamos en España e Portugal. Todo ese traballo ten agora o seu froito”, apuntou.

Silva tamén subliñou que “é a primeira das festas da nosa provincia que consigue esta declaración internacional tan importante en recoñecemento a un dos nosos marabillosos produtos, xa que as catro que tiñamos ata agora están ligadas ao noso patrimonio inmaterial baseado na tradición popular como é o caso da Rapa das Bestas de Sabucedo, a Romaría Viquinga de Catoira, as alfombras florais de Ponteareas e a Arribada de Baiona”. Neste sentido, a presidenta mostrouse convencida de que “haberá máis, e niso temos o noso empeño desde a Deputación para apoiar outros eventos que piden ese recoñecemento, como a Feira do Cocido de Lalín ou a Festa do Marisco do Grove”.

Carmela Silva lembrou que “todo este esforzo e a aposta polo enoturismo estaba marcado no Plan estratéxico de turismo que aprobamos o pasado ano xa que falamos dun produto consolidado estratéxico tanto coa promoción de rutas como coa xeración de produto”. Finalmente, a presidenta recordou o “magnífico momento no que chega esta declaración, xusto no inicio da época da vendima. Non podíamos comezar mellor”, dixo.

Noticias de última hora en Vigo

Comentar noticia

Your email address will not be published.