Carmela Silva fixo un percorrido polos concellos do sur da provincia afectados polos lumes

Os medios do Consorcio Provincial Contra Incendios estiveron á total disposición dos servizos de emerxencias da Xunta de Galicia.
Publicado por o día 17/10/2017 na sección de Deputación de Pontevedra,Galicia,Pontevedra

Carmela Silva fixo un percorrido polos concellos do sur da provincia afectados polos lumes

A presidenta da Deputación, Carmela Silva, tras comparecer ante os medios de comunicación en Pontevedra xunto ao vicepresidente César Mosquera, comezou un percorrido polas localidades do sur da provincia máis afectadas polos lumes. En primeiro lugar desprazouse ata Vigo, onde participou na xuntanza de coordinación cos presidentes do Goberno e da Xunta, Mariano Rajoy e Núñez Feijóo, e no minuto de silencio celebrado ante a comisaría como homenaxe ás persoas falecidas.

Posteriormente dirixiuse ata Ponteareas para, xunto co alcalde, coñecer de primeira man a situación do concello. Tamén visitou Salvaterra, As Neves, Gondomar, Nigrán e Baiona, precisamente os concellos que se mantiñan a primeira hora da mañá en “alerta 2” pola proximidade das lapas a núcleos de poboación.


Carmela Silva subliñou sentirse “desolada” polo que aconteceu na tarde do domingo e na madrugada e recordou que desde o mesmo sábado á tarde activouse o gabinete de crise da Deputación e que estivo en permanente contacto coa conselleira de Medio Rural e o director xeral de Emerxencias para ofrecer toda a colaboración necesaria.

A presidenta da Deputación subliñou hoxe, na súa comparecencia de primeira hora xunto ao vicepresidente, que a totalidade dos medios do Consorcio Provincial Contra Incendios estiveron a disposición dos servizos de emerxencia da Xunta de Galicia ao longo de toda a fin de semana, “incluso moitas veces por riba das nosas posibilidades”.

Silva agradeceu a labor feita polos bombeiros e o persoal do parque de maquinaria que “responderon de xeito afirmativo á nosa demanda para que se incorporaran ao servizo, a pesar das libranzas e descansos”. Tamén quixo ampliar este agradecemento á Garda Civil, policías locais, UME e a todos os servizos de emerxencias, pero sobre todo á veciñanza da provincia que loitou cos seus propios medios contra o lume.

A presidenta coincidiu con César Mosquera en asegurar que o primeiro neste intre era o combate contra as lapas e atender á poboación. “Agora é o momento de seriedade e rigor e polo que temos que estar preocupados é por apagar os lumes e haberá tempo de analizar o que de verdade ocorre nos nosos montes e bosques. Paréceme a min que algúns titulares só buscan xustificacións para os que teñen que actuar”. “Temos que sentarnos -mantivo Silva- e estudar cales son as eivas que temos nos nosos montes e como funcionan os dispositivos de extinción, pero quero quedarme niso”.

Pola súa banda, o vicepresidente César Mosquera insistiu en que “o primeiro problema ambiental de Galicia desde hai anos é o mal estado do monte, que supón a metade da extensión de Galicia, e que dá lugar a tremendas e fulgurantes consecuencias todos os días e a todas horas”. Destacou que é preciso “analizar as características dos dispositivos, como funcionaron e se coordinaron durante os lumes destes días con máis calma e non en quente”, se ben subliñou que o máis importante é “sentarnos e mirar sen presa e sen pausa” o futuro da xestión do monte para evitar situacións como as que se están a vivir.

O nacionalista subliñou que a Deputación de Pontevedra, co plan de creación de parques forestais que se puxo en marcha neste exercicio, é a única institución provincial galega que está “destinando recursos para a mellora do monte” moi por riba das súas posibilidades, a pesar de non ter competencias. Por último, subliñou que os lumes virulentos prodúcense cada vez con máis frecuencia, “parece que acentuados polo cambio climático”, polo que insistiu en que “algo haberá que facer”.

A totalidade dos parques do Consorcio estiveron mobilizados o domingo, con sete motobombas e vehículos de intervención rápida coas súas dotación e os seus reforzos. Ademais, no parque de maquinaria mobilizáronse dúas máquinas de cadeas, dúas góndolas e dúas cisternas que tiveron que ser contratadas de urxencias con 3 condutores maquinistas, un coordinador e outros tres condutores externos.

Os medios do Consorcio Provincial actuaron nos incendios de Ponteareas, Mondariz, Redondela, Pazos de Borbén, Soutomaior, As Neves, Baiona, Nigrán, Pontecaldelas, Salvaterra, Cotobade, Meis, Fornelos, Salceda, na parroquia de Morgadáns de Gondomar, nun incendio industrial en Hierros Mos, nun incendio dunha carpintería en Pontecaldelas e nun incendio en Budiño, O Porriño.

Por outra banda, a Deputación de Pontevedra súmase aos tres días de loito oficial decretados pola Xunta de Galicia e as súas bandeiras ondearán a media hasta.