Carmela Silva inaugura a xornada da escola de igualdade María Vinyals dedicándoa “aos centros de mulleres asasinadas polas violencias machistas”

Máis de 150 persoas están a participar na xornada anual da escola que, este ano, céntrase no Pacto de Estado contra as violencias machistas e concentra en Soutomaior ás mulleres máis relevantes en igualdade do panorama galego e estatal
Publicado por o día 08/06/2018 na sección de Deputación de Pontevedra,Eventos

Carmela Silva inaugura a xornada da escola de igualdade María Vinyals dedicándoa “aos centros de mulleres asasinadas polas violencias machistas”

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, xunto á deputada de Igualdade, Isaura Abelairas, inaugurou hoxe as terceiras xornadas anuais da Escola de Igualdade María Vinyals centradas no “Pacto de Estado contra a violencia de xénero. O estado da cuestión”. Silva, que recordou, nome a nome, ás quince mulleres asasinadas no que levamos de ano, dedicou estas xornadas “a todas elas, aos centos de mulleres asasinadas polas violencias machistas ou que sofren violencia física ou psicolóxica, por todas elas vai este encontro”.

A xornada da Escola de Igualdade María Vinyals pretende, segundo asegurou a presidenta provincial, “ser un lugar de reflexión, de compromiso, de debate, de coñecemento no mundo local. Queremos ter servidoras e servidores públicos formadas e formados no feminismo, en políticas de igualdade que permitan instaurar os seus principios desde o mundo local”. Por este motivo, tal e como indicou Silva, a xornada “trae hoxe a grandes mulleres, intelixentes, que teñen moito coñecemento, unha longa traxectoria, que son unha referencia e teñen un enorme compromiso coa igualdade como Ángeles Álvarez, Inmaculada Montalbán, Marisa Soleto, Gloria Poyatos, Yolanda Domínguez, Rosana Izquierdo e Mª Paz Filgueira”.

A presidenta da Deputación relacionou tamén a temática seleccionada para a terceira xornada anual da Escola de Igualdade da institución coa figura de María Vinyals. “María sufriu en primeira persoa a violencia machista, cando a obrigaron a casarse con quen non quería, cando tivo que vivir unha relación co seu primeiro marido baseada na dominación e negación”, recordou Silva ao tempo que aproveitou para visibilizar a figura da “Marquesa Roxa”.

Tamén amosou Silva a súa satisfacción e felicidade porque “todo o traballo tan duro, tan cuestionado, das feministas, calou na sociedade. Certamente pasou algo extraordinario o 8 de marzo que tivo moito que ver coas decisións tomadas desde aquela data. Unha delas é que por vez primeira teñamos un Consello de Goberno integrado por 11 mulleres e 7 homes”. Silva engadiu que “hoxe é un día feliz, e non ten nada que ver coa miña militancia política, para todas as mulleres e o conxunto da sociedade, estou segura que este século XXI vai ser o século das mulleres e coa nosa presenza cambiaremos o sistema e o mundo”.

Pola súa banda a deputada de Igualdade, Isaura Abelairas, recordou que dende o 29 de xuño de 2016, coa xornada inaugural da Escola de Igualdade María Vinyals, puxéronse en marcha tres xornadas anuais e outras moitas como as xornadas sobre mulleres que opinan, sobre infancia e adolescencia, sobre mulleres no mar ou mulleres no rural. “Este é o terceiro ano da Escola que naceu para quedarse e, nestes anos, está a formar á cidadanía e a estender a igualdade, visibilizando ás mulleres e levándoas a todos aqueles lugares nos que deberíamos estar”, asegurou Abelairas.

A xornada anual “Pacto de Estado contra violencia de xénero. O Estado da cuestión” ten por obxectivos achegar o pacto á realidade municipal e ás persoas que no ámbito local traballan coas vítimas das violencias machistas. Neste eido, ao longo do día vaise afondar nas implicacións da súa aprobación e reflexionar sobre a súa evolución desde diferentes perspectivas, dirixíndose ao persoal da Administración local, ao persoal dos Centros de Información á muller e a aquelas persoas que traballan na loita pola igualdade e contra as violencias machistas.

Durante a mañá ten lugar a conferencia sobre a xénese, evolución, situación actual e perspectivas do Pacto de Estado a cargo de Ángeles Álvarez, militante feminista que desenvolveu un papel clave na posta en marcha do pacto, e tamén para conseguir que o goberno cumprise a súa promesa de destinar 200 millóns de € este ano á posta en marcha de medidas contempladas no mesmo. Tamén terá lugar a mesa redonda titulada “Pacto de Estado contra a violencia de xénero. Análise desde o ámbito xurídico e social” na que participan Inmaculada Montalbán, maxistrada do Tribunal Superior de Xustiza de Andalucía e ex vogal do Consello Xeral do Poder Xudicial, e Marisa Soleto, directora da Fundación Mujeres e compoñente do Observatorio Estatal contra a Violencia de Xénero.

Xa pola tarde, a partir das 16 horas, celebraranse o obradoiro titulado “Xulgar con perspectiva de xénero como metodoloxía de impartición da xustiza equitativa”, a cargo de Gloria Poyatos, maxistrada do Tribunal Superior de Xustiza de Canarias e presidenta da Asociación de Mulleres Xuristas; “Cambiar as imaxes para cambiar o mundo”, impartido por Yolanda Domínguez, artista visual e experta en Comunicación e Xénero; e “A atención primaria e o seu compromiso ante a violencia de xénero”, a cargo de Rosana Izquierdo, médica de atención primaria e responsable do grupo sobre violencia de xénero da Asociación Galega de Medicina Familiar e Comunitaria.

Finalmente, ás 18.30 horas, desenvolverase a clausura da xornada “Pacto de Estado. E agora que?” a cargo de María Paz Filgueira, maxistrada do Xulgado de Violencia sobre a Muller número 1 de Vigo.