Carmela Silva inaugura a décimo sétima edición do Marisquiño, o #RíasBaixasFest máis urbano

A presidenta da institución provincial destacou que coas axudas da Deputación de Pontevedra e do Concello de Vigo garantirase que ‘O Marisquiño’ continúe en Vigo os próximos anos.
Publicado por o día 07/08/2017 na sección de Cultura,Deportes,Deputación de Pontevedra,Galicia,Vigo

Carmela Silva inaugura a décimo sétima edición do Marisquiño, o #RíasBaixasFest máis urbano

A Presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, xunto ao alcalde de Vigo, Abel Caballero, acudiu esta mañá á inauguración da décimo sétima edición dun dos #RíasBaixasFests con maior éxito internacional: “O Marisquiño”. Tamén estiveron presentes no acto a delegada da Zona Franca de Vigo, Teresa Pedrosa, o presidente da Autoridade Portuaria de Vigo, Enrique Veiga, o delegado territorial da Xunta de Galicia, Ignacio López-Chaves, e Carlos Domínguez, organizador do evento.

Na rolda de prensa de presentación, Carmela Silva comezou subliñando que “grazas ao Marisquiño Vigo será a capital da cultura urbana e amosará unha nova forma de entender o deporte, a música e o ocio.”

O festival, que comezará o vindeiro venres 11 de agosto e estenderase durante todo o fin de semana, reunirá a milleiros de persoas e será un dos eventos centrais do mes de agosto na provincia de Pontevedra. Nas anteriores edicións, máis de 130.000 persoas gozaron das competicións, exhibicións, concertos, e gastronomía que “O Marisquiño” move ao redor do Porto Marítimo de Vigo e espérase que este ano se aumenten os datos de participación, tal e como apuntou a presidenta da Deputación de Pontevedra: “é un evento multitudinario. Este ano falamos dunhas previsións de 160.000 persoas e estou segura de que nos imos a quedar curtos. Neste fin de semana as Rías Baixas, grazas a Vigo, serán a capital da cultura urbana.”

Nesta edición, no marco do festival, entre as moitas probas, concertos e actividades que se celebrarán no Porto Marítimo de Vigo, organizaranse tres copas do mundo que reunirán os mellores do mundo na súa disciplina: World Cup Skateboarding Street, World Cup Skateboarding Miniramp e Dirt FMB World Tour. Ademais, en skateboarding, haberá unha proba puntuable para os Xogos Olímpicos de Tokio 2020 (será a primeira vez que sexa modalidade olímpica).

A Deputación de Pontevedra, xunto co Concello de Vigo, fan unha forte aposta polo “Marisquiño”, investindo 400.000 euros nun evento que ten un retorno económico de preto de 16 millóns de euros (a Deputación achega máis de 181.000 euros e o Concello preto de 220.000). Carmela Silva sinalou que “coas axudas da Deputación de Pontevedra e do Concello de Vigo, que chegan aos 400.000 euros, garantimos a continuidade do Marisquiño en Vigo durante os próximos anos, cuestión moi importante para nós porque a unión entre Vigo e o Marisquiño é indisoluble. Era unha obriga apoiar un evento da súa importancia e por iso, dende que chegamos ao goberno, quería incluílo xunto aos outros Rías Baixas Fest.”

O recinto do festival contará este ano con 200.000 m2, un incremento do 20%, e tamén prestará unha grande atención ás retransmisións en streaming das probas deportivas, cun alcance estimado de máis de 100.000 persoas. En relación á expectación que xera “O Marisquiño”, a presidenta de Deputación de Pontevedra afirmou que “chegar a tanta xente en Europa e en todo o mundo é impagable, consideramos moi importante que con este festival poidamos amosar novamente que as Rías Baixas son un paraíso.”

No final da súa intervención, Carmela Silva aproveitou a ocasión para invitar a todo o mundo a acudir esta fin de semana ao “Marisquiño”, pois “será un fin de semana no que gozaremos, riremos, emocionarémonos e quedarémonos coa boca aberta vendo o que ocorre neste festival que senón fose porque todo ocorre diante de ti poderíamos pensar que trátase dun sono.”