Carmela Silva invita aos veciños e veciñas de Redondela a rachar coa desigualdade a través da mostra “ROMPE. XOGA EN IGUALDADE”

A presidenta da Deputación visitou, xunto á alcaldesa Digna Rivas, esta mostra itinerante, no Auditorio Multiusos da Xunqueira en Redondela
Publicado por o día 24/09/2019 na sección de Deputación de Pontevedra,Galicia,Redondela

Carmela Silva invita aos veciños e veciñas de Redondela a rachar coa desigualdade a través da mostra “ROMPE. XOGA EN IGUALDADE”

Unha soa presidenta nas deputacións galegas desde 1812. Unha soa alcaldesa en Redondela, a actual, en máis de corenta anos de democracia… A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, púxolles esta mañá aos escolares dos centros Santa Mariña e Illa de San Simón de Redondela estes e outros exemplos que amosan “que vivimos nun mundo desigual, onde ás mulleres nos custa moitísimo todo”. E precisamente de visibilizar a discriminación que sofren as mulleres e de rachar con esta situación trata a exposición “Rompe. Xoga en Igualdade”, da que estes escolares foron os primeiros visitantes na localidade en percorrela.

Silva visitou esta mostra, na que a desigualdade se amosa a través dunha serie de escenas representadas por bonecas Barbie intervidas, dirixíndose aos e ás escolares e aos seus mestres e ás súas mestras para recordar que “a educación é o único que pode transformar o mundo” e, neste senso, pediulle á rapazada que constrúa “outro mundo mellor, onde sexamos máis felices porque poidamos facer todo o que queiramos e soñemos e para o que esteamos capacitadas e capacitados”. A presidenta recordoulles que, na actualidade, as mulleres son o 62% do alumnado que remata os estudos universitarios, e obteñen o 70% dos premios fin de carreira pero que, sen embargo, estes “mellores resultados académicos” e este talento non se ve representado no IBEX 35, “onde non hai mulleres dirixindo as grandes empresas” ou no Tribunal Constitucional, onde apenas hai presenza feminina. A presidenta lamentou tamén que aínda non houbese ningunha presidenta da Xunta ou do Goberno estatal, “e, por non haber, nin hai candidata muller”.

Engadiu que a Deputación está a poñer diversas iniciativas en marcha “que nos permitan cambiar isto”, como esta mostra. “Porque incluso cando chegamos a ser alcaldesa, como Digna en Redondela, ou eu como presidenta da Deputación, aínda sendo as que lideramos estas administracións, sempre temos ao noso carón a moitos homes que nos queren empurrar para estar eles de primeiros”. Silva destacou o traballo feito polas comisarias da mostra, “dúas mulleres creativas, de matrícula de honor”, Isabel Blanco e Irene Silva e insistiu en que fronte ás situacións denunciadas na mostra, as mulleres “queremos se xefas, traballadoras, avogadas, periodistas, concelleiras, alcaldesas, presidentas, traballadoras do naval, traballadoras da minería, poetas, funcionarias, artistas. Queremos facer de todo, non queremos estar nun floreiro. Queremos estar libres”. “Rompamos e xoguemos en igualdade –concluíu- as nenas e os nenos”.

Pola súa banda, a alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, destacou a mensaxe desta exposición e lamentou que ata agora non houbese recalado na localidade, a pesar de que leva dous anos de itinerancia pola provincia de Pontevedra: “era tan fácil como solicitala á Deputación”. Salientou que “é moi importante seguir educando en igualdade” e invitou aos veciños e veciñas do concello a visitar a mostra, porque “todos os nenos e nenas e os veciños da provincia teñen que ver esta exposición e rachar os estereotipos que a muller ten”.

“Rompe. Xoga en Igualdade” consta de 18 paneis cheos de poesía visual que teñen por obxectivo cambiar o mundo e golpear as conciencias. Así, as protagonistas dos paneis amosan as situacións de desigualdade, violencia e discriminación que viven as mulleres dende nenas, recalcando a importancia do xogo para a educación, transmisión de valores e formación de nenas e nenos. A boneca seleccionada para a mostra foi a “Barbie” por tratarse da máis famosa da historia e coa que, a diario, xogan milleiros de nenas no mundo, pero que, ao mesmo tempo, presenta a unha muller obxecto que transmite valores sexistas que se están a reproducir tanto nos xogos como nas condutas dos nenos e nenas. A mostra estará aberta ao público en Redondela ata o 3 de novembro e poderá visitarse de luns a venres de 8.00h a 14.00h e de 16.00h a 22.00h e os sábados, domingos e festivos de 10.00h a 14:00h e de 16:00h a 22:00h.

Comentar noticia

Your email address will not be published.