Carmela Silva: “o polígono de Barro xa é unha referencia na instalación de empresas na provincia”

A presidenta da Deputación de Pontevedra asinou a venda de tres parcelas do polígono de Barro, entre elas as últimas dúas das 18 adquiridas polo grupo Froiz
Publicado por o día 22/05/2018 na sección de Deputación de Pontevedra

Carmela Silva: “o polígono de Barro xa é unha referencia na instalación de empresas na provincia”

A presidenta  da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, asinou hoxe en Caldas de Reis as últimas parcelas vendidas no polígono de Barro: tres parcelas que suman arredor de 9.000 metros cadrados e máis dun millón de euros para o grupo Distribuciones Froiz, S. A. e Rafael Buceta, en representación dunha empresa relacionada co transporte de madeira. Carmela Silva asegurou que “hoxe é un día moi feliz non só porque asinemos a venda de tres novas parcelas, que tamén, porque queremos ver o polígono de Barro cheo de empresas”, senón porque “estamos convertendo esta infraestrutura nunha referencia para a instalación de empresas e iso é o que necesita esta provincia: moitos empresarios e empresarias e moitas empresas que crean riqueza e, polo tanto, emprego que faga que esa riqueza se distribúa”.

Carmela Silva asinou a venda dunha parcela con destino a Rafael Buceta, dunhas dimensións de 2.459,95 m2 e cun valor de arredor de 295.000 euros, e outras dúas parcelas para o grupo Froiz, cunha superficie de 6.537,92 metros cadrados por valor de 783.177,51 euros (IVE incluído) coas que a empresa xa dispón dun total de 18 parcelas. Magín Froiz agradeceu a Carmela Silva “porque ela é, en parte, a culpable de que teñamos estas parcelas. A Deputación sempre nos atende desde o máximo respecto e atendendo ás nosas necesidades”. O empresario anunciou que “xa está en marcha o primeiro proxecto, que é unha plataforma para produtos conxelados, cuxas obras agardo que comecen este ano” e asegurou que o terreo principal, de 5.000 m2, xa ten un proxecto presupostado.

Carmela Silva asegurou que “admiro moito a Magín Froiz porque é o modelo de empresario que sempre poño en valor: unha persoa comprometida co seu pobo, cunha empresa con altísimos estándares de calidade e que xera un importante volume de emprego e de actividade económica, ademais de traballar con produto galego”. A presidenta da Deputación de Pontevedra valorou que “é un orgullo como presidenta e como cidadá pontevedresa que Froiz se sitúe neste polígono, ademais de resultar un grande atractivo para a instalación doutras empresas”.

O polígono de Barro conta cunha superficie total de 258.436 metros cadrados dos cales está vendido o 52 % da súa superficie. Ademais, a Deputación de Pontevedra ten aberto na actualidade, ata o 9 de xuño, o prazo de presentación de solicitudes para a venda ou a constitución dun dereito de superficie das parcelas dispoñibles, na modalidade de concurso público, ao prezo de 99 € por m2 ante a demanda existente de solo industrial para a implantación das empresas que comezaron a xurdir neste ano ou que, ante as melloras competitivas impulsadas pola Deputación de Pontevedra (entre elas, unha considerable rebaixa dos prezos de venda), teñen interese en establecerse nesta infraestrutura estratéxica.