Carmela Silva pon en valor a profesionalidade e calidade do sector turístico da provincia na Gala de Turismo Rías Baixas

No evento presentouse a campaña “Somos historias” e o novo símbolo de promoción escollido para o 2018, centrado no labirinto de Mogor e protagonista da distribución das persoas convidadas na gala
Publicado por o día 01/03/2018 na sección de Deputación de Pontevedra,Vigo

Carmela Silva pon en valor a profesionalidade e calidade do sector turístico da provincia na Gala de Turismo Rías Baixas

A Deputación de Pontevedra sacou músculo do sector turístico da provincia na Gala de Turismo Rías Baixas, “a gran festa do turismo provincial”, que tivo lugar esta tarde no Auditorio Mar de Vigo. O evento, “innovador e moderno, desde a posta en escena ata a distribución das persoas convidadas”, concentrou aos responsables do sector turístico público, desde alcaldesas e alcaldes ata concelleiras e concelleiros, e o sector privado da provincia de Pontevedra. Xunto a elas e eles, cobraron vida personaxes da literatura como o Capitán Nemo e Pierre Aronnax, personaxes históricos como María Vinyals ou a raíña Dona Urraca, escritoras como María Victoria Moreno, personaxes da cultura popular como unha “moura” ou pantasmas como o “Alemanote” do castelo de Soutomaior, que se mesturaron co público para presentar unha imaxe renovada da provincia de Pontevedra.

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, comezou a súa intervención recoñecendo a profesionalidade e calidade do sector turístico da provincia de Pontevedra. Así, Silva puxo en valor que “a nosa provincia, con 263 entidades públicas e privadas co distintivo SICTED, 60 máis que o ano pasado, é a provincia española con maior número de emblemas SICTED do Estado”.

Tamén enxalzou Silva no seu discurso os resultados acadados o ano pasado en canto ao número de persoas visitantes. “Foi un ano récord”, destacou a presidenta, e “dos cinco millóns de turistas que chegaron a Galicia, nada menos que o 36 % veu coñecer e gozar da provincia de Pontevedra, un fantástico territorio que ofrece infinidade de atractivos na costa e no interior”.

Todos estes “atractivos” foron explicados no transcurso da Gala de Turismo Rías Baixas que acolleu a presentación da campaña de promoción “Somos historias” centrada, como explicou Carmela Silva, no patrimonio. Ao respecto, a presidenta da Deputación destacou que “estamos no Ano Internacional do Patrimonio e nós queremos apostar moi forte por promover os nosos tesouros fortificados, arqueolóxicos, paisaxísticos, inmateriais, literarios, culturais, espirituais e naturais”. Deste xeito, desvelou Silva, “empregaremos ao longo do ano un símbolo, o labirinto de Mogor, representado tamén na disposición deste patio de butacas. Un labirinto que propón unha viaxe por todos os nosos tesouros”.

O labirinto de Mogor trátase dun símbolo da provincia que conta con máis de 2.000 anos de historia e une diferentes civilizacións do mundo xa que o mesmo elemento pódese atopar en lugares tan dispares como Irlanda, Portugal, Estados Unidos, Canadá ou Siria. Durante a Gala de Turismo Rías Baixas presentouse a imaxe simbólica do labirinto de Mogor, integrada co nome “Pontevedra provincia”, cuxo símbolo forma parte dos vídeos de María Vinyals, patrimonio etnográfico, natural, literario e festas que se proxectaron durante a mesma e serán empregados para promover a provincia ao longo do 2018.

Ademais da presentación da imaxe da campaña “Somos historias” e do símbolo que a acompañará ao longo do 2018, durante a Gala de Turismo Rías Baixas, Carmela Silva tamén puxo en valor que o Goberno provincial está a traballar para desestacionalizar a demanda e internacionalizar o destino. Ao respecto da desestacionalización, Silva fixo fincapé nos atractivos que ten a provincia de Pontevedra desde os espazos naturais, ata os culturais, a gastronomía ou o enoturismo que permiten que “Rías Baixas poida presumir da súa beleza desde xaneiro a decembro”. En canto á internacionalización, a presidenta da Deputación amosou a vontade da institución provincial de traer a persoas visitantes de todo o mundo xa que “cada vez estamos mellor conectadas e conectados, cun aeroporto que supera de novo o millón de persoas pasaxeiras e nos une aos grandes mercados europeos”.

A Gala de Turismo Rías Baixas, que contou coa actuación musical do grupo Voodoo (gañador no 2017 do Premio Martín Códax de música galega na categoría de blues/funk/soul), tamén acolleu a entrega dos distintivos de calidade turística SICTED ás empresas que o acadaron no ano 2017. En total, foron 151 empresas e entidades que recibiron os distintivos que acreditan a súa calidade e que se suman aos 263 establecementos que xa acadaron o SICTED na provincia de Pontevedra.

A presentación da gala correu a cargo de Limiar Teatro coa representación de Nemo e de Aronnax, que exerceron de condutores do evento, dando a paso aos diferentes elementos de promoción turística que a Deputación de Pontevedra impulsará ao longo do 2018 entre os que destacan os castelos medievais, os castros milenarios, os xardíns e paisaxes e natureza, a literatura, os mosteiros, as festas e tradicións, os museos, a gastronomía, as danzas ancestrais e os festivais musicais. Deste xeito, ademais da música de Voodoo, houbo unha actuación das “Madamas e Galáns” do Entroido de Cobres, unha batalla dialéctica entre os “Xenerais da Ulla”. Tamén durante a gala tivo lugar unha mostra de flores do Corpus de Ponteareas e distintas degustacións gastronómicas.