Carmela Silva presenta a 58 edición do clásico trofeo de pretemporada Luis Otero

O partido, que enfrontará ao Pontevedra CF e ao RC Deportivo, disputarase ás 20:00 horas do 25 de xullo, en Pasarón.
Publicado por o día 21/07/2017 na sección de Deportes,Deputación de Pontevedra,Fútbol,Galicia,Pontevedra

Carmela Silva presenta a 58 edición do clásico trofeo de pretemporada Luis Otero

A Presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, acompañada pola deputada de deportes Chelo Besada e a presidenta do Pontevedra CF, Lupe Murillo, presentou esta mañá en rolda de prensa a LVIII Edición do Trofeo Luis Otero, que enfrontará ao Pontevedra CF co RC Deportivo de A Coruña o vindeiro 25 de xullo, ás 20:00 horas, no estadio de Pasarón.

Carmela Silva aproveitou a ocasión para recordar e eloxiar  a figura do histórico futbolista pontevedrés Luis Otero, a quen se homenaxea con este trofeo, e quen formou parte da escuadra do primeiro partido da selección española e  “foi un dos grandes deportistas de Galicia”.

Pola súa parte, a presidenta do Pontevedra CF, Lupe Murillo, destacou a “excepcional” relación que hai entre as entidade deportiva e a institución provincial “dende o minuto un” deste goberno, e agradeceu a implicación co deporte tanto de Carmela Silva como da deputada Chelo Besada.

As entradas estarán á venta nas oficinas do club pontevedrés, de luns a venres de 9:00 a 14:00 horas e de 17:00 a 20:00 horas; na billeteira do estadio de Pasarón, dende unha hora e media antes do inicio do partido, e no teléfono 986 86 56 07. O prezo para tribuna será de 16 euros, 12 euros en preferente e 8 euros para fondo norte e fondo sur. No caso do público xuvenil, de entre 14 e 18 anos incluídos, de 5 euros, e para o infantil, de 7 a 13 anos, de 3 euros. O acceso será gratuíto para os e as menores de 6 anos.

O Trofeo Luis Otero é un encontro clásico de pretemporada, con máis de medio século de historia ás súas costas, que se disputa en Pontevedra dende o 1959, como lembrou Carmela Silva. Ao longo da historia xogaron este trofeo equipos galegos, españois e tamén outros estranxeiros como o FC Porto, Braga, Estudiantes de La Plata, Nacional de Montevideo ou Rio Ave. O ano pasado o rival do Pontevedra CF neste Trofeo Luís Otero foi o Lugo, que acabou gañando 4-3.

Luis Otero foi un histórico futbolista pontevedrés que iniciou a súa carreira deportiva con 16 anos no Sporting de Pontevedra (1909). Posteriormente xogou no Real Vigo Sporting Club, Real Club Celta de Vigo e Real Club Deportivo da Coruña. Ademais.  Otero foi tamén un dos once xogadores que disputaron o primeiro partido da historia da selección de fútbol española. Este histórico partido tivo lugar nos Xogos Olímpicos de Amberes 1920, onde España conseguiu a medalla de prata.

A Deputación de Pontevedra, asinou o pasado mes de abril un convenio de colaboración co Pontevedra CF de 160.000€ máis IVE para o patrocinio da entidade deportiva na temporada 2016 – 2017, dentro da estratexia do seu plan director de deportes.