Carmela Silva presenta na Escola de Enfermería o obradoiro de atención para menores trans*

Arredor de 50 alumnas e alumnos participan neste módulo, organizado polo Servizo de Igualdade e impartido na Escola, hoxe e o martes 17 da man de Cristina Palacios.
Por o 11/10/2017 | Sección: Deputación de Pontevedra,Educación,Galicia,Pontevedra
Carmela Silva presenta na Escola de Enfermería o obradoiro de atención para menores trans*

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, acompañada pola deputada de Cohesión Social e Xuventude, Digna Rivas, maila deputada responsable da Escola de Enfermería, Eva Vilaverde, presentou hoxe neste centro o módulo “Atención sanitaria transpositiva aos e ás menores con identidades sexuais non normativas” que imparte hoxe mailo vindeiro martes 17 de outubro a presidenta da Asociación ARELAS, Cristina Palacios, de Familias de Menores Trans*.

Ante unha aula chea de alumnas e de alumnos, Carmela Silva lembrou que “para o noso Goberno a Escola de Enfermería é un motivo de orgullo xa que nela se está formando a homes e a mulleres, maioritariamente mulleres, nunha cuestión tan fundamental para unha sociedade como é a atención ás persoas”. Por iso, asegurou, “é imprescindible que se impartise un módulo como este para conseguir que a atención sexa igualitaria para todas as persoas”, o cal require, en palabras da presidenta provincial, “dos coñecementos necesarios”.

Neste senso, Carmela Silva asegurou ao alumnado participante que “grazas a estas xornadas impartidas por Cristina Palacios ides poder aprender, pero ademais desfrutar, sobre a loita e a defensa dos dereitos dos e das menores trans*” e asegurou que “no mundo fan falla moitas persoas como Cristina Palacios”, ao que a deputada responsable da Escola de Enfermería, Eva Vilaverde, replicou que “seguro que de hoxe saen moitas e moitos Cristinas Palacios”.

A presidenta provincial lembrou no seu discurso de presentación que esta iniciativa está encadrada no eido da Igualdade e, dunha maneira global, pediu ás alumnas “que todas vós loitedes polos vosos dereitos e, no caso dos homes, que vós tamén vos sumedes e teñamos a vosa complicidade”. Non en van, a presidenta provincial lembrou que “a maioría do alumnado dos estudos de enfermería seguen a ser mulleres mentres que os postos de dirección seguen a ser ocupados principalmente por homes, o cal non é unha cuestión de lóxica, senón dos hábitos que nos foron impostos ao longo dos anos”. “Temos que loitar para conquistar todos os espazos aos que temos dereitos e que nos foron arrebatados”, asegurou Carmela Silva.

O seminario “Atención sanitaria transpositiva aos e ás menores con identidades sexuais non normativas” está composto por dúas sesións. Na primeira dela, que tivo lugar esta mesma mañá, tocáronse catro eixos principais: as catro dimensións da identidade sexual (definición de conceptos e proceso de sexuación), a realidade das e dos menores trans* (principais formas de transfobia), criterios de diagnose da transexualidade recollidos no DSMV (Manual Estatístico dos Trastornos Mentais) e a unidade de referencia de atención a menores trans* en Galicia (propostas de ARELAS no ámbito sanitario). Na sesión que terá lugar o vindeiro martes proxectarase o documental O sexo sentido e pecharase con acordos e propostas de futuro na atención dos e das menores trans*.

Carmela Silva asegurou que “a enfermería é unha das profesións que máis precisa que se dean coñecementos sobre as problemáticas que teñen as persoas trans*, xa que moitas veces o primeiro lugar ao que acoden as familias a buscar información é o ámbito sanitario” e atópanse “con que non hai formación nin información”, o mesmo que acontece “no eido da Igualdade”, asegurou a presidenta da Deputación de Pontevedra. Por iso, afirmou, “puxemos en marcha estes módulos para dar resposta á necesidade de contar con persoal formado que poida asesorar, formar, tratar, coidar e poñerse do lado das persoas con necesidades específicas que deben ser respondidas”.

A presidenta provincial agradeceu “ao persoal da Escola de Enfermería que dirixe Eva Vilaverde, por responder con paixón a esta iniciativa” e por “amosar que sempre somos capaces de dar pasos cara a adiante para que esta Escola sexa un centro formativo onde se imparte un grande coñecemento de todos os asuntos que son da súa responsabilidade”. “A Escola está dando un paso para que a formación estea moi por enriba doutros onde estas perspectivas non se teñen en conta e que así se teña unha prestación máis axeitada para todas e para todos”, lembrou, á vez que asegurou que “sempre coidaremos a Escola de Enfermería para que sexa de matrícula de honra, sen conformarnos cun notable”.

Este é o primeiro dos dous módulos organizados polo Servizo de Igualdade da Deputación de Pontevedra. O segundo deles terá como protagonista a igualdade de oportunidades para o alumnado da Escola de Igualdade e celebrarase os días 14, 21 e 28 de novembro.

Noticias de última hora en Vigo

Comentar noticia

Your email address will not be published.