Carmela Silva reivindica na inauguración do campo de A Bouza “as mellores instalacións para que a nosa xente máis nova faga deporte en boas condicións”

A presidenta destacou que “este campo de fútbol, xunto a moitos outros da cidade, son posibles grazas á financiación da Deputación de Pontevedra e do Concello de Vigo”
Por o 14/08/2019 | Sección: Deputación de Pontevedra,Galicia,Vigo
Carmela Silva reivindica na inauguración do campo de A Bouza “as mellores instalacións para que a nosa xente máis nova faga deporte en boas condicións”
Compartir en:

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, xunto ao deputado provincial, Santos Héctor, á concelleira Patricia Rodríguez e ao concelleiro Javier Pardo, inaugurou esta mañá a remodelación e mellora do campo de fútbol de A Bouza, en Coia, no concello de Vigo, un dos once campos municipais que están a ser renovados no marco do convenio Deputación-Concello para a mellora de instalacións deportivas e que supuxo un investimento de preto de 300.000 euros.

Na súa intervención, a presidenta provincial reivindicou que “todas as rapazas e rapaces son o futuro e merecen poder facer deporte nas mellores condicións”. Silva tamén salientou que “é unha obriga das administracións públicas facilitar que haxa boas dotacións deportivas” e destacou que “este campo de fútbol, xunto a moitos outros de Vigo, son posibles grazas á financiación da Deputación de Pontevedra e do Concello”.  Durante o acto, no que Carmela Silva estivo acompañada dos responsables do Club de Fútbol do Cristo da Vitoria e o Club Deportivo Coia, lembrou que o campo de fútbol A Bouza é a sede destes dous equipos. “Coia é un lugar excepcional, onde hai moitísima poboación, moitas nenas e nenos que xogan ao fútbol e que o teñen que facer nas mellores condicións e por isto hoxe celebramos que este campo conta con herba sintética de última xeración, e coa iluminación e a mellora que lle corresponde”. Por último, a presidenta provincial quixo agradecer e felicitar aos presidentes dos clubs, ao corpo técnico e, tamén, “as familias que se preocupan de que as nenas e os nenos fagan deporte, porque as prácticas deportivas fan que se constrúa unha mellor sociedade”.

Máis polo miúdo, as actuacións no campo de A Bouza contemplaron a renovación da superficie deportiva coa instalación dun céspede artificial de última xeración sobre o pavimento existente de aglomerado asfáltico, nunha superficie de máis de 7.000 metros cadrados. Amais, as obras tamén incluíron a renovación das instalacións de iluminación co fin de reducir a demanda de enerxía eléctrica, os custes enerxéticos e os impactos ambientais.

Comentar noticia

Your email address will not be published.