Carmela Silva reivindica o papel imprescindible das mulleres do mar na apertura da xornada da Uvigo

As sesións sobre o Bo Uso e Mal Uso do mar centráronse en analizar e recoñecer o papel das mulleres na súa xestión sustentable dende todos os ámbitos
Publicado por o día 11/04/2019 na sección de Deputación de Pontevedra

Carmela Silva reivindica o papel imprescindible das mulleres do mar na apertura da xornada da Uvigo

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, reivindicou hoxe o papel imprescindible das mulleres no sector do mar, tanto as que exercen profesións e oficios do mar como as investigadoras mariñas e oceanógrafas, na apertura da V Xornada sobre Bo Uso e Mal Uso do Mar “O mar das mulleres: sustentable e produtivo”, organizada pola Uvigo e coa colaboración da Deputación e do Consello da Cultura Galega. No acto participaron tamén o vicerreitor do Campus de Pontevedra, Jorge Soto; a coordinadora da xornada María Álvarez Lires; e a presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez.

A presidenta explicou que “o que pretendemos é poñer en valor ás mulleres no sector do mar e, ao mesmo tempo, queremos converter ás investigadoras mariñas e oceanógrafas en referentes para nenas e mozas”. Silva sinalou que, coñecendo o traballo feito polas investigadoras pioneiras, preténdese animar a que as mozas opten por estudar carreiras STEM. ” O feito de que as mulleres non se matriculen nas carreiras STEM é unha das cousas que máis nos ten que preocupar hoxe en día, porque o mundo estase transformando a través das tecnoloxías e das ciencias, e se non estamos aí nós, as mulleres, iso significa que eles seguirán dirixindo o mundo”.

“É importante que as rapazas se decanten por carreiras técnicas, e para facelo, é crucial que teñan referentes de mulleres en todos os eidos”, sinalou Silva. Para lograr ter eses referentes, na xornada de hoxe reivindicáronse figuras tan importantes e tanto tempo silenciadas como a bióloga mariña Silvia Earle, a catalá Josefina Castellví ou as galegas Ángeles Alvariño e Aida Fernández Ríos. No transcurso do día presentouse tamén o proxecto “Oceánicas: o papel das mulleres na oceanografía”, do Instituto Español de Oceanografía.

Esta xornada forma parte do proxecto “Mar en feminino”, proxecto de igualdade que están desenvolvendo a Deputación de Pontevedra e a Universidade de Vigo para poñer en valor o papel das mulleres no mar. Intégranse neste proxecto tamén a mostra “Achegas das mulleres á sustentabilidade do mar”, así como os materiais educativos e recursos “O mar das mulleres: sustentable e produtivo” e a páxina www.marenfeminino.campusdomar.gal.

Precisamente tras o comezo da xornada, abriuse a exposición cos paneis do proxecto “O mar das mulleres: sustentable e produtivo”. Tras a súa presentación no Pazo Provincial a pasada semana, é a primeira vez que se poden ver e neles faise fincapé no relevante papel das mulleres na conservación dos océanos e no uso sustentable dos recursos mariños. Son seis temáticas distintas (“Os océanos”, “Os océanos en perigo”, “Redeiras, salga e conserva”, “O Marisqueo a pé”, “Investigadoras mariñas” e “Educación para a sustentabilidade”) que, xunto aos recursos educativos abertos dispoñibles na web do proxecto, pretenden axudar aos centros educativos a afondar na importancia das mulleres no mar.