Carmela Silva revalida o compromiso da Deputación con Vigo na inauguración do renovado campo de fútbol do Meixueiro

A actuación enmárcase no convenio entre a Deputación e o Concello para mellorar as instalacións deportivas, cun orzamento total de preto de 9,5 millóns de euros
Publicado por o día 10/09/2019 na sección de Deputación de Pontevedra,Galicia,Vigo

Carmela Silva revalida o compromiso da Deputación con Vigo na inauguración do renovado campo de fútbol do Meixueiro

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, xunto ao alcalde de Vigo, Abel Caballero, inaugurou esta tarde as obras de mellora do campo de fútbol do Meixueiro, no concello de Vigo. Cun investimento de 334.091 euros, a actuación enmárcase no convenio  entre a Deputación e o Concello para a renovación de instalacións deportivas da cidade, cuxo orzamento total ascende a preto de 9,5 millóns de euros. O campo é utilizado habitualmente polo A. D. Lavadores e o C. D. Nieto, cuxos presidentes, Cándido Bastero e Agustín Rodríguez, tamén asistiron aos actos acompañados das directivas e das numerosas rapazas e rapaces que xogan nestas instalacións.

Na súa intervención, a presidenta provincial destacou o seu orgullo “pola mellora deste campo no que todas estas nenas e nenos crecerán como persoas e, por suposto, como futbolistas, que desexo que cheguen o máis lonxe posible”. “Gozade destas instalacións”, dixo Carmela Silva, “e facede equipo, porque xa sodes de primeira”.

Pola súa banda, Abel Caballero tamén quixo salientar “a nosa satisfacción pola apertura do campo, que ten novo céspede e novo sistema de iluminación”. O alcalde vigués agradeceu a Silva “a súa aposta por melloras como esta que está a acometer na cidade e que mostran que, agora si, a Deputación é unha aliada de Vigo”.

Inauguración do renovado campo de fútbol do Meixueiro.

#VigoCarmela Silva revalida o compromiso da Deputación con Vigo na inauguración do renovado campo de fútbol do Meixueiro.Mais información na ligazon https://www.noticiasvigo.es/carmela-silva-revalida-o-compromiso-da-deputacion-con-vigo-na-inauguracion-do-renovado-campo-de-futbol-do-meixueiro/

Publicada por Noticias de Vigo en Martes, 10 de septiembre de 2019

As actuacións no campo do Meixueiro contemplaron a retirada e o almacenamento do material existente; a desmontaxe do céspede antigo e granulado de caucho; o saneamento, nivelación e compactación da superficie; e a preparación da base coa revisión completa da pavimentación asfáltica. Finalmente, colocouse o novo pavimento deportivo elástico prefabricado e fíxose o acabado posterior coa instalación de céspede artificial de última xeración cunha superficie total de 6.877,5 m2. Pola súa banda, as obras tamén comprenderon a revisión e a reparación puntual das canaletas perimetrais para recoller as augas pluviais e o rego do campo, así como das reixas e canalizacións. Ademais, a actuación incluíu a renovación de todo o sistema de iluminación para mellorar a eficiencia enerxética e a instalación dunha caldeira de biomasa para ter auga quente sanitaria. As obras foron executadas pola Unión Temporal de Empresas Campos de fútbol Vigo (empresas Prace e Copsesa).