Carmela Silva sinala á deputación como a entidade que máis inviste na comarca de Vigo

“Os 38 millóns de euros deste mandato son o maior investimento feito nunca por esta Deputación nestes sete concellos”, defendeu a presidenta da administración provincial
Publicado por o día 06/05/2019 na sección de Galicia,Política,PSOE,Redondela

Carmela Silva sinala á deputación como a entidade que máis inviste na comarca de Vigo

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, participou este luns no acto organizado pola dirección provincial do partido en Redondela, no que destacou os case 38 millóns de euros postos a disposición dos concellos de Fornelos de Montes, Mos, Pazos de Borbén, O Porriño, Redondela, Salceda de Caselas e Soutomaior. “É o maior investimento feito nunca por esta Deputación nestes concellos”, indicou.

Acompañada polas candidatas e candidatos á alcaldía das vilas de Mos, Victoria Alonso, Fornelos de Montes, Emiliano Lage, e de Redondela, Digna Rivas (o resto de candidatas e candidatos non puideron asistir por motivos persoais), Silva sinalou que a Deputación de Pontevedra converteuse durante este mandato na entidade provincial de toda España que máis transferencias fai aos municipios. Unhas transferencias de capital feitas a través de diferentes programas e respectando sempre a autonomía local. En total, os investimentos feitos polo goberno provincial arroxan unha cifra de 446,24 euros por habitante destes concellos, permitindo que “a totalidade da veciñanza teña garantidos os servizos básicos e os dereitos”.

Silva manifestou o seu orgullo polo traballo feito durante estes catro anos. “A xente ten dereitos e nós temos a obrigación de facilitarlles que constrúan

un proxecto de vida”, sinalou. “A xente cando vota pon en nós os seus desexos, as súas necesidades. Temos que escoitarlles, ser respectuosos e facer un esforzo para resolver o que che propón. As novas formas na política do S. XXI exixen saber escoitar”, apuntou Silva. “Estamos aquí para cambiar a vida da xente”, engadiu.

A presidenta quixo facer especial fincapé no reparto equitativo, “baseado nun modelo no que os recursos se reparten con criterios obxectivos e chegan a todos os concellos, sexan da cor política que sexan”. A dispersión xeográfica dos habitantes do concello ou a súa idade convértense en factores que se teñen en conta á hora de asignar fondos, rematando coa época na que o presidente Louzán tiña á súa 20 millóns de libre disposición que repartía arbitrariamente.

Silva entrou máis polo miúdo nas cifras dos investimentos que chegarán ao final do mandato a cada un dos concellos: Fornelos de Montes percibirá case 5 millóns de euros; Mos, 6,4 millóns; 2,7 para o concello de Pazos de Borbén; 7,6 millóns de euros para o do Porriño. Pola súa banda, Redondela percibiu 7,1 millóns de euros, mentres que en Salceda a cifra alcanzou os 4,9 millóns e en Soutomaior 4,1 millóns.

Estas cifras supoñen un aumento dun 20,08% no caso do Porriño, ou un 18,86% para Lalín no que respecta aos investimentos feitos en 2015, cunha media de crecemento nestes concellos dun 14,27%.

A presidenta dou conta de onde foron parar gran parte destes investimentos. O Servizo de Cooperación cos Concellos é o responsable de máis da metade destas cifras. En total, máis de 24,7 millóns de euros, un 66,10%, que van parar á realización de ata 213 actuacións de diferentes índole, así como á contratación de 529 persoas para garantir a prestación de servizos por parte dos Concellos.

A través da Liña 1 do Plan Concellos, eixo da acción de Goberno durante este mandato, “e que está a ser o reflexo no que se miran moitas outras Deputacións”, téñense realizado 125 actuacións, que van desde a mellora do patrimonio municipal, con obras novas e melloras de outras xa existentes (61 actuacións entre as sete vilas e máis de 5,5 millóns investidos); melloras urbanísticas nas vilas (26 actuacións e 1,7 millóns de euros); melloras medioambientais nas redes de saneamento, coa súa reparación ou creación (16 obras, 1,6 millóns); ou melloras dos servizos a través da adquisición de bens e equipamentos (22 actuacións, case 400.000 euros).

Estas cifras corresponden ao investimento realizado no que vai de mandato, e habería que sumarlles a 31 obras novas previstas para este 2019 nos sete concellos, algunhas das cales xa están postas en marcha e que suman 3,5 millóns de euros de investimento.

Ademais, e coa vontade de resolver desigualdades entre os diferentes territorios da provincia, a Deputación de Pontevedra puxo en marcha tres plan: Reequilibrio, DepoRemse e PICEI (Plan de investimentos en equipamentos e infraestruturas) destinados a concellos de menos de 20.000 habitantes. Estes plan permitiron levar a cabo ata sete obras diferentes ao longo destes sete concellos cun investimento de 3,1 millóns de euros, como por exemplo a urbanización, ximansio e pista de pádel en Fornelos de Montes, a urbanización do antigo Campo da Feira da Devesa, en Salceda de Caselas, ou un módulo de atletismo no Porriño..

O xa nomeado Plan Concellos consta tamén doutras dúas liñas de acción. A Liña 2, destinada a amortizacións, gasto corrente e actividades dos concellos; e a tamén mencionada Liña 3, que permitiu a contratación de 413 persoas: 44 en Fornelos de Montes; 34 traballadoras e traballadores en Mos; en Pazos de Borbén a cifra chegou ata os 55; 107 incorporados aos equipos municipais do Porriño; en Redondela 76; en Salceda de Caselas 45

novas contratacións; e en Soutomaior, 52.. Para este 2019 estes concellos suman un total de 116 novas contratacións dispoñibles con fondos da Deputación, o que fará que ao final do mandato 529 novos empregos.

Outros investimentos

Silva fixo tamén un repaso aos investimentos feitos noutras áreas, que se detallan a continuación:

· Igualdade: 316.040,20 € de investimento para 370 accións que chegan a 7.400 persoas.

· Mobilidade: 5.142.337,72 € para máis de 100 actuacións de mellora da mobilidade e a seguridade viaria.

· Cohesión Social: 3.562.934,67 € que chegan a máis de 15.000 veciñas e veciños coa colaboración de máis de 300 asociacións.

· Deportes: 906.834,30 € para máis de 100 clubs, 17 deportistas individuais e a creación de escolas deportivas das que se benefician máis de 860 nenas e nenos.

· Medio Ambiente: 308.112,00 € para a creación a creación de parques forestais, o mantemento de campos de fútbol e as axudas ás cooperativas agrogandeiras.

· Emprego e formación: 722.861,84 € para a creación de 81 postos de formación.

· Turismo: 863.681,95 € para impulsar un cambio radical de modelo de turismo.

· Cultura: 1.233.592,85 € para un centenar de actividades nos seis concellos da comarca, a máis de 100 asociacións, colectivos e comisións de festas.

· Novas Tecnoloxías: 173.724,81 € para a aplicación da Administración Electrónica e o apoio ás PEMES.

· Comunicación: 10.721,50 € para a impresión de carteis e outros materiais comunicativos.

Valoración das candidatas e candidatos

Pola súa banda, Digna Rivas, candidata á alcaldía de Redondela e anfitrioa do acto, resaltou o compromiso da Deputación co desenvolvemento dos concellos e o respecto á súa autonomía. “Eu creo no traballo que fai Carmela Silva na Deputación, na igualdade e a equidade”, apuntou a tamén deputada provincial.

Unha máxima que apoiou Victoria Alonso, candidata á alcaldía de Mos, que engadiu que en Mos “quere acabar co caciquismo da actual alcaldesa”, tal e como fixo Silva ao chegar a Deputación co sistema imperante durante o goberno de Louzán, para facer o que fai Carmela Silva na Deputación, “un reparto equilibrado dos fondos”.

Por último, o candidato á reelección en Fornelos de Montes, Emiliano Lage, agradeceu o apoio recibido durante a última lexislatura polo goberno de Silva fronte ao abandono da anterior administración provincial. “Hai que seguir facendo ese reparto equitativo que impulsou Carmela Silva sen mirar as cores políticas, porque é de xustiza en democracia”, apuntou.

Comentar noticia

Your email address will not be published.