Cun 83% de ocupación media, a provincia de Pontevedra sitúase “novamente como o puntal turístico de Galicia”. Carmela Silva detallou esta mañá os datos de turismo “moi positivos” do pasado agosto, que responden a un estudo rigoroso procedente do Big Data, a través de fórmulas estatísticas que garanten un nivel de confianza do 95%.
“A ocupación foi moi positiva a pesar de que agosto deste ano foi, segundo os informes de Meteogalicia, o segundo mes coa temperatura máis baixa da década e con precipitacións que o sitúan como o máis húmido do último lustro”, asegurou a presidenta da Deputación. Máis polo miúdo, e por comarcas, O Salnés acadou o 88% (chegando ao 90% en vilas como Sanxenxo e ao 86% no Grove), Pontevedra o 86% (sendo do 75% na cidade de Pontevedra), O Morrazo o 86,3%, Caldas o 76%, Vigo o 87% (coa mesma porcentaxe na cidade que acadou ademais o 100% durante a fin de semana do Marisquiño, e chegando ao 90% en Baiona), O Baixo Miño do 87,4%, O Condado e A Paradanta do 74% e Deza e Terra de Montes do 79%.
Con respecto ao turismo rural os resultados “foron espectaculares”, cunha media provincial en agosto do 84%. Neste eido, a presidenta provincial fíxose eco dos datos proporcionados pola web escapadarural que sitúan á provincia como a terceira española coa maior porcentaxe de ocupación, soamente superada por Málaga e Cádiz. Carmela Silva detallou o resultado de ocupación de turismo rural por comarcas que chegou ao 89% na do Salnés, 80,5% na comarca de Pontevedra, 92% no Morrazo, 91,4% na comarca de Caldas, 74% na de Vigo, 91,1% no Baixo Miño, 82% nas comarcas do Condado e da Paradanta e ao 71% nas do Deza e Terra de Montes.
No que respecta aos albergues, a ocupación en agosto chegou ao 85% segundo informou a presidenta da Deputación. Máis polo miúdo, nas comarcas de Pontevedra, O Salnés e O Morrazo chegaron ao 90%; na comarca de Vigo ao 83,6%; na de Caldas ao 99,3%; no Baixo Miño, O Condado e A Paradanta ao 90% e en Deza e Terra de Montes ao 62,5%.
Pola súa banda os cámpings acadaron unha ocupación media provincial do 75,3%. Neste caso os cámpings do Salnés chegaron ao 82,4%, no Morrazo ao 71%, na comarca de Vigo ao 83,3%, no Baixo Miño ao 55% e nas comarcas do Condado e A Paradanta ao 85%.
En canto ás vivendas turísticas, a presidenta provincial subliñou que a ocupación chegou ao 100% en zonas como Sanxenxo, Cambados, Poio, Pontevedra, Vigo, Nigrán, O Grove, Cambados e Silleda. En Baiona, Cangas, Vilagarcía, A Guarda e A Illa superaron o 92% e en Marín, Meaño, Nigrán, Caldas, O Porriño e Vilaboa o 87,5%. No caso destes establecementos, o perfil de persoas usuarias é de familias formadas por entre 2 e 4 membros, procedentes de todo o territorio estatal e que desfruta de estancias entre 7 e 10 días.
Perfil das persoas que acoden ás oficinas de Turismo Rías Baixas
A presidenta tamén facilitou o perfil das persoas que se achegan ás oficinas de Turismo Rías Baixas. Trátanse de persoas españolas (85%) procedentes de Madrid, Barcelona, Biscaia, Valencia e Valladolid. As que proveñen do estranxeiro (15%) veñen de Francia, Reino Unido, Italia, Alemaña e Portugal. O 54% conta con idades comprendidas entre os 35 e 60 anos e alóxanse en hoteis entre 7 e 15 días. A maioría destas persoas chegan ata a provincia por cuestións relacionadas coa cultura, ocio, gastronomía e natureza e a porcentaxe maioría veu por primeira vez ás Rías Baixas.
Castelos e Camiños a Compostela
En liñas xerais durante agosto pasaron polo Castelo de Soutomaior e de Sobroso máis de 9.000 persoas. Concretamente foron 9.217, das cales 5.905 visitaron Soutomaior e 3.312 Sobroso
No que respecta aos camiños pola provincia, o máis transitado no primeiro semestre do 19 foi o Portugués, con 30.534 peregrinas e peregrinas (13,33% máis que o ano pasado). Segue ao Portugués o Camiño pola Costa, con 8.578 persoas usuarias (82,5% máis que no 2018), a Vía da Prata con 4.310 peregrinas e peregrinos (11,98% máis) e o Camiño de Inverno con 454 persoas peregrinas (70,68% máis que no 2018).
Estimacións para setembro do 2019
A presidenta da Deputación aproveitou a ocasión para dar a coñecer as estimacións, “con moita prudencia”, para o mes de setembro e que sitúan á porcentaxe de ocupación nun 51%. Máis polo miúdo, prevese un 53% para o Salnés, un 56% para a comarca de Pontevedra, un 45,5% para O Morrazo, un 65,6% para a comarca de Caldas, un 54% para a comarca de Vigo, un 57,2% para O Baixo Miño, un 31% para as comarcas do Condado e A Paradanta e un 47,2% para as do Deza e Terra de Montes.
Noticias de última hora en Vigo