Carmela Silva: “son abolicionista. A prostitución é intolerable porque obriga as mulleres a mercantilizar co seu corpo e está ligada á delincuencia máis brutal”

A presidenta da Deputación asistiu en Pontevedra a unha charla da activista feminista e supervivente do sistema prostitucional Amelia Tiganus
Por o 29/09/2018 | Sección: Deputación de Pontevedra
Carmela Silva: “son abolicionista. A prostitución é intolerable porque obriga as mulleres a mercantilizar co seu corpo e está ligada á delincuencia máis brutal”
Compartir en:

A presidenta da Deputación de Pontevedra manifestouse onte como claramente “abolicionista no tema da prostitución porque é algo intolerable que obriga ás mulleres a mercantilizar cos nosos corpos e está ligada á delincuencia máis brutal”. Carmela Silva fixo estas declaracións na apertura da charla ofrecida hoxe en Pontevedra por Amelia Tiganus, activista, feminista e supervivente de trata de persoas e explotación sexual ou “do sistema prostitucional” como ela mesma prefire definilo.

A charla tivo lugar na Casa das Campás, en Pontevedra, con motivo do Día Internacional contra a trata e a explotación sexual, que se celebrou o pasado 23 de setembro. Foi unha iniciativa da Unidade de Igualdade e do Vicerreitorado de Pontevedra da Uvigo. No acto tamén participaron a deputada de Igualdade, Isaura Abelairas; o vicerreitor do Campus de Pontevedra, Jorge Soto; e a vicerreitora de responsabilidade social, igualdade e cooperación, María Isabel Doval.

Carmela Silva explicou que, hoxe en día, en pleno século XXI, “a sociedade aínda está chea de escusas para naturalizar a prostitución, que é un dos símbolos máis graves que temos de escravitude”. Por iso, a presidenta sinalou que as políticas de igualdade e o feito de levar a igualdade a todos os ámbitos da sociedade é máis necesario que nunca, “xa que este tema que hoxe tratamos da prostitución ten moito que ver tamén coa desigualdade que nos acompaña ás mulleres dende pequenas. Por desgraza, as mulleres somos vítimas xa desde o berce, nacemos xa coa mochila da discriminación. Comezamos desde pequenas con estereotipos, con cor rosa para as nenas, con que nos chamen princesas…vivimos todo tipo de violencias desde cativas. E iso non son micromachismos, todos son macro”.

Na súa intervención, a presidenta indicou que a educación é a única maneira de acabar con esta situación de desigualdade, e por iso, avogou porque no currículo educativo ten que ser obrigatoria xa a educación sexual e afectivo-sexual. “Non pode ser que as mozas e mozos reciban a educación sexual que necesitan nos seus móbiles a través da pornografía, onde as mulleres aparecemos como mercadoría. Por que aínda temos medo a educar en sexualidade no ano 2018?”.

Silva mostrouse moi satisfeita porque na charla de Amelia Tiganus houbese moita xente nova, á que lle lembrou que “nas nosas mans está loitar, pero nas vosas mans está continuar na loita pola igualdade. Teño claro que cambiaremos o mundo co feminismo, que é a nosa ferramenta para acadar unha sociedade máis feliz para todas e todos. Imos sufrir, pero gañaremos”.

A presidenta rematou agradecéndolle a Amelia Tiganus a súa valentía e forza para loitar contra as desigualdades, “Amelia é reflexo de dignidade, orgullo e defensa de causas xustas. Hai que cambiar o chip e chamar as cousas polo seu nome, tal e como ti fas. Cando ti falas, a sociedade dá un paso máis para cambiar”. Xunto á charla, na Casa das Campás, as persoas asistentes puideron visitar a mostra “Excusas”, de Médicos do Mundo, na que se recollen testemuñas de homes que explican as súas “escusas” para consumir prostitución e de prostitutas que manifestan o que opinan desas escusas.

Cómpre lembrar que España é o país da Unión Europea onde máis prostitución se consume e calcúlase que en España unhas 45.000 mulleres e nenas se encontran en situación de prostitución. Só un 20% delas son españolas e a maioría son vítimas da trata de persoas e obrigadas a desenvolver esta actividade contra a súa vontade. En todo o mundo, esta cifra elévase ata os 40 millóns de persoas. Segundo a ONU, a prostitución é o terceiro negocio máis lucrativo no mundo, só por detrás do tráfico de drogas e de armas. Estímase que move ao ano no mundo máis de 160.000 millóns de euros.

Comentar noticia

Your email address will not be published.