Carmela Silva subliña a importancia de “xerar actividade económica e emprego” no inicio das obras para a remodelación do polígono industrial de Cuntis

A actuación, “que será unha referencia nesta provincia”, ten un orzamento de máis de medio millón de euros, financiada ao 100% pola Deputación co Plan DepoRemse e o Plan Concellos
Publicado por o día 28/01/2020 na sección de Deputación de Pontevedra

Carmela Silva subliña a importancia de “xerar actividade económica e emprego” no inicio das obras para a remodelación do polígono industrial de Cuntis

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, acompañada polo alcalde de Cuntis, Manuel Campos, polo deputado provincial Santos Héctor e concelleiras e concelleiros do goberno municipal amosou hoxe a súa satisfacción polo arranque das obras de remodelación e mellora da seguridade viaria do polígono industrial de Cuntis. A actuación, que ten un orzamento de 554.625,33 euros está financiada ao cen por cen polo Plan DepoRemse e Plan Concellos da Deputación, e, como salientou Silva, da resposta “á necesidade de polígonos industriais do S.XXI, atractivos e que dispoñan de todos os equipamentos e garantías para xerar actividade económica e crear emprego”.

O alcalde de Cuntis, Manuel Campos, lamentou a falta de investimentos da Xunta de Galicia neste proxecto. “Este polígono non é unha competencia nin municipal, nin provincial, nin estatal. É unha competencia claramente autonómica e, sen embargo, permitíronse o luxo de non investir nin un duro”. O alcalde puntualizou que “é un escándalo que a Xunta mire cara outro lado e que teñan que ser outras administracións as que invistan en Cuntis”. Neste eido, Carmela Silva denunciou a “forma vergonzosa de facer política do Partido Popular”, posto que “nós estamos hoxe aquí iniciando as obras do polígono, mentres a Xunta, que é a competente, non inviste”. A presidenta fixo fincapé en que “dende a Deputación seguiremos a destinar recursos á provincia porque é unha obriga apostar pola economía e estou segura de que o goberno de Estado tamén o vai facer”, ao tempo que recalcou que “esta provincia é moi grande aínda que teña algúns políticos moi pequenos”.

Silva tamén fixo un recoñecemento público a Manuel Campos pola súa labor e polo impulso que lle quere dar a Cuntis, porque “non se pode falar de apostar polo interior se non se fai con proxectos de futuro. A xente quedará nesta vila se xeramos actividade económica e creamos emprego, ese é o camiño”. “Xuntas e xuntos vamos a ser quen de facer que este polígono sexa unha referencia na provincia e estas obras que empezan hoxe son un paso máis para conseguilo”, concluíu a presidenta.

O viario do polígono, que comunica a N-640 coa estrada PO-220 (Cuntis-Valga), conta cunha intensidade de tráfico alta polo que se enfronta a necesidade da regularización da velocidade, a instalación de sinalización, a mellora e remodelación dos viarios e beirarrúas, e a renovación do alumeado e instalacións necesarias. Deste xeito, os traballos consisten, en primeiro lugar, nas demolicións pertinentes para poder ampliar as beirarrúas, desmontaxe e levantado dos farois actuais, preparación de caixas, e poda de árbores necesarias. A continuación, contémplase a execución de redes de saneamento e drenaxe. Ademais realizarase unha escavación para a instalación de colectores para augas residuais. E, por último, tamén se colocarán os tubos e cables necesarios para o subministro de alumeado público e previsión de telecomunicación.

4,1 millóns de euros en Cuntis na lexislatura

Dende 2015, a Deputación de Pontevedra leva investidos en Cuntis máis de 4,1 millóns de euros en todas as áreas de goberno, “o maior investimento neste concello na historia da Deputación de Pontevedra”. De feito, durante estes anos coa Liña 1 do Plan Concellos, Cuntis puido financiar un total de 38 obras por preto de 1,5 millóns de euros; e coa Liña 3, tamén puido contratar a un total de 94 persoas desempregadas para traballar no concello. No que respecta ao vixente Plan Concellos 2020, a institución provincial achega ao municipio máis de medio millón de euros, 545.236,55 euros, un 2% máis que no último plan anual en 2017.