Carmela Silva téndelles a man aos axentes TIC máis relevantes da provincia para sumar sinerxías ao abeiro do programa SmartPeme

O programa da Deputación de Pontevedra ten por obxectivo aumentar o rendemento e as vendas das pemes e persoas emprendedoras e autónomas da provincia.
Por o 16/01/2017 | Sección: Deputación de Pontevedra,Empresas,Vigo
Carmela Silva téndelles a man aos axentes TIC máis relevantes da provincia para sumar sinerxías ao abeiro do programa SmartPeme

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, acompañada polo deputado de Innovación e Promoción Económica, Javier Dios, presidiu hoxe a reunión cos axentes TIC máis relevantes da provincia e de toda Galicia na que se lles presentaron as novas iniciativas do proxecto SmartPeme para asociacións empresariais e as vías de colaboración e sinerxía que estas poden achegar durante o seu desenvolvemento. Deste xeito SmartPeme, o programa da Deputación de Pontevedra que busca potenciar o desenvolvemento económico da provincia a través das tecnoloxías da información (TIC), segue abríndose a novos sectores desde o seu nacemento e xa se ampliou ás persoas autónomas, aos concellos e, agora, tamén ás asociacións empresariais e empresas provedoras TIC.

A presidenta, Carmela Silva, sinalou que “dende a Deputación de Pontevedra sabemos que en Galicia e nesta provincia existe unha rede TIC moi importante e que esta institución provincial nin quere nin pode ser unha competidora desa estrutura”. A este respecto, a presidenta provincial asegurou que “as administracións públicas están para impulsar, promover e tamén ter en conta a rede existente e a todas e todos os axentes para que a oferta teña que ver coa demanda, e estando en permanente contacto con todas as empresas e todo o sector”.

Carmela Silva sinalou, ao falar das novidades que se irán introducindo nas vindeiras semanas no proxecto SmartPeme, que “temos que ser capaces de avanzar nun proxecto que nos permita abrir as fiestras” para que os axentes TIC “participedes e sexades quen desenvolvan posteriormente eses proxectos despois de que nós lles informemos, ás persoas que buscan asesoramento, de todas as ferramentas e potencialidades das que dispoñen”.

Neste sentido, a presidenta provincial avanzou que “traballaremos dun xeito moi transparente e sen ser parte activa das decisións das empresas sobre quen vai desenvolver os seus proxectos”, tendéndolles a man ás asociacións empresariais, “xa que si que imos ser parte desa colaboración coa que sumaremos sinerxías, co obxectivo de que todas e todos gañemos e que SmartPeme se converta cada vez máis nun instrumento que oferte máis posibilidades sen competir nin suplantar as empresas que se dedican a iso, e conseguindo que todas as empresas e persoas emprendedoras ás que asesoramos conxuntamente consoliden os seus proxectos para poder favorecer unha cultura emprendedora e crear prosperidade económica”.

Lembramos que o proxecto SmartPeme é un modelo de servizo orientado á mellora competitiva das pemes e persoas emprendedoras e autónomas e á procura dunha mellora nas vendas e na eficacia e eficiencia das tarefas, que abre novos campos de actuación e alcanza novos grupos de interese coma os e as emprendedoras, as asociacións empresariais e os axentes de dinamización en concellos, todo iso empregando as tecnoloxías da información e da comunicación (TIC) e as novas tecnoloxías (redes sociais, comercio electrónico…). Ata o momento, SmartPeme xa realizou preto de 4.000 asesoramentos a máis de 1.900 empresas, persoas emprendedoras e autónomos e autónomas da provincia de Pontevedra.

Nas seis oficinas de SmartPeme, instaladas en Cambados, Lalín, Ponteareas, Pontevedra, O Porriño e Vigo, estanse poñendo en marcha as seguintes actividades: itinerarios de obradoiros temáticos con diversos niveis de dificultade adaptados ás necesidades das empresas, eventos de networking trimestrais coa participación de profesionais de prestixio, a colaboración con asociacións e promoción de alianzas institucionais, a especialización sectorial dos asesores e asesoras en función das necesidades da súa área de influencia, kits de asesoramento en novas tecnoloxías a emprendedores, a identificación e difusión das necesidades TIC aos provedores de solucións para as pequenas e medianas empresas e, tamén, o impulso de novas carteiras de servizos de asesoramento.