Carmela Silva traslada o pesar do Goberno provincial polo falecemento de Suso Mosquera, secretario xeral de UGT Galicia durante 25 anos

A presidenta da Deputación expresou a súa solidariedade coa familia do sindicalista que tamén foi deputado polo PSdeG no Parlamento de Galicia ata 1988
Publicado por o día 15/02/2018 na sección de Deputación de Pontevedra,UGT

Carmela Silva traslada o pesar do Goberno provincial polo falecemento de Suso Mosquera, secretario xeral de UGT Galicia durante 25 anos

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, trasladou, en nome do Goberno da institución provincial, o pesar e dor polo falecemento de Suso Mosquera. Silva transmitiu o seu máis sentido pésame á familia de Mosquera, “un auténtico referente do sindicalismo en Galicia”.

Suso Mosquera, nado en Merza (Vila de Cruces), desde moi novo estivo vencellado a organismos sindicais. En 1977 entrou a formar parte da UGT e tres anos despois situábase á súa cabeza, como secretario xeral en Galicia, posto que ocupou ata o ano 2005. “Nestes 25 anos –recordou Silva– Mosquera estivo sempre a carón das persoas traballadoras, loitando para que acadasen máis dereitos e se eliminasen as desigualdades”.

A presidenta da Deputación de Pontevedra tamén recordou o papel transcendental de Suso Mosquera no Parlamento de Galicia, como deputado do PSdeG. Así, Silva destacou que “foi o auténtico impulsor do Consello Galego de Relacións Laborais, entre outras moitas iniciativas que promoveu no Parlamento sempre en defensa dos dereitos das persoas traballadoras”.

Carmela Silva manifestou que “sempre digo que temos unha provincia chea de homes e mulleres incribles, con grande capacidade de traballo, creatividade, innovadores e innovadoras e Suso Mosquera era un deles. Co seu falecemento, a nosa provincia de Pontevedra perde a un dos seus grandes embaixadores, máis nun eido tan necesario como é a consecución dun mundo máis xusto e con menos desigualdades”.