Carmela Silva valora positivamente o dato interanual de paro de outubro pero segue a advertir da necesidade de mellorar a calidade do emprego

A presidenta da Deputación valorou o aumento dos contratos indefinidos e da taxa de cobertura pero sinalou que “o paro feminino e a precariedade aínda están moi lonxe do que necesita esta sociedade”
Publicado por o día 05/11/2018 na sección de Deputación de Pontevedra

Carmela Silva valora positivamente o dato interanual de paro de outubro pero segue a advertir da necesidade de mellorar a calidade do emprego

Aínda que o desemprego volveu a subir sobre todo no sector servicios debido ao remate da temporada estival, a presidenta da Deputación de Pontevedra valorou hoxe positivamente os datos do paro do mes de outubro xa que melloran con respecto ao mesmo mes de 2017, aínda que puxo sordina “debido a que a calidade do emprego que se crea dista moito de ser a que necesita a xente, e que o 58,8% das persoas desempregadas son mulleres. Temos que seguir loitando para cambiar esta situación na que o paro, a fenda salarial, a temporalidade e o traballo a tempo parcial sempre teñen nome de muller”.

En canto á tipoloxía dos contratos, os datos de outubro supoñen un récord de celebración de contratos indefinidos en toda a serie histórica, con 242.342 firmados. Respecto a este dato Carmela Silva recalcou que “sempre reclamo que aumenten os contratos indefinidos para rematar coa precariedade laboral e por iso alégrame este incremento”. Aínda así, tamén quixo aproveitar a súa intervención para volver a demandar que o aumento do número de contratos indefinidos non cese, pois, tal e como sinalou, estes contratos aínda supoñen o 10,8% do total da contratación.

Por último, Carmela Silva valorou de forma positiva o aumento da taxa de cobertura, indicando que sempre denunciara que a taxa estaba a diminuír de xeito preocupante. Polo tanto considera “unha boa nova” o aumento de case dous puntos na taxa interanual respecto ao mes de outubro de 2017.