Carmela Silva visita a sede de Smartpeme en Vigo “somos a grande referencia en Galicia en asesoramento TICs”

A presidenta destacou que o programa da Deputación “ten cada vez máis demanda e todos os negocios que foron asesorados melloran”
Publicado por o día 18/06/2020 na sección de Galicia,Deputación de Pontevedra,Vigo

“A rede Smartpeme convértenos nunha grande referencia en TICs, non hai ningún servizo coma este en toda Galicia”. A presidenta da Deputación, Carmela Silva, puxo en valor o programa provincial Smartpeme na súa visita á sede de Vigo xunto á deputada de Novas Tecnoloxías e Desenvolvemento Empresarial, Ana Mejías. “Smartpeme dá grandes beneficios á sociedade, cada vez hai máis demanda e todos os negocios que foron asesorados melloran, as empresas valoran este servizo de forma moi positiva”, subliñou.

“Este programa dedícase a introducir todos os elementos TIC nas pequenas e medianas empresas e nas actividades que realizan autónomas e autónomos e tamén facilita que as ideas emprendedoras se convertan en proxectos económicos”, continuou a presidenta da Deputación. Amais, Carmela Silva destacou que a sede de Vigo, ao igual que a de Pontevedra, está especializada no sector turístico. “Contamos cun asesoramento individual dedicado ao turismo, un sector potentísimo, ao que temos que axudar para que fagan unha transformación do presencial, do analóxico, da promoción pouco dixitalizada, a un novo modelo onde as novas tecnoloxías son o instrumento de decisión”.

Durante a visita, a presidenta provincial informou que cada ano aumentan os servicios dentro de Smartpeme, “este ano temos dous servizos novos, un dedicado ao comercio e outro ao terceiro sector”. En canto ao comercio, “xa estamos traballando no proxecto de aceleradoras, facendo un seguimento para que esas 10 empresas seleccionadas poidan acabar este proceso sendo moito máis potentes e tendo un proxecto moi ligado ás TICs”, subliñou a presidenta. No que ten que ver coa promoción da economía social, do terceiro sector, Carmela Silva destacou que cada día ten máis relevancia tanto a nivel social como económico. “Estamos a traballar para que ninguén quede atrás, o terceiro sector está a desenvolver proxectos moi potentes e queremos axudar para que dean ese salto cara á internacionalización e competitividade, creando máis negocios e polo tanto xerando máis emprego”.

En canto aos datos concretos da sede de Vigo dende o ano 2016 realizáronse 1.526 asesoramentos a 933 empresas e 243 talleres aos que asistiron preto de 2.000 persoas. Ademais, durante o plan de continxencia Covid fixéronse 202 asesoramentos a 123 empresas e, en canto a TurisTIC realizáronse 65 asesoramentos a 53 empresas. Estes datos foron enxalzados por Carmela Silva que tamén sinalou que “hai comunidades tan importantes como Andalucía que queren vir coñecer Smartpeme, iso dá mostra da relevancia deste proxecto”.

A presidenta provincial, que subliñou o feito que das dez persoas asesoras sete son mulleres, adiantou tamén a previsión de actividades na sede de Vigo ata novembro. Deste xeito, este xoves ás 9:30 terá lugar, a través de zoom, a webinar práctica dirixida a persoas autónomas sobre ERTEs, cuestións claves e implicacións legais, a cargo da conferenciante Laura Prado. En dúas semanas, tamén se vai desenvolver outra webinar, a cargo de Gloria Gubianas, sobre “Como cambiar o mundo a través da empresa”. De cara ao mes de outubro realizarase un Almorzo Networking e, previsiblemente en novembro celebrarase a III Xornada TurisTIC y Hackaton.

A rede Smartpeme conta con sete puntos de información e formación situados en Pontevedra, Vigo, Lalín, Barro, O Porriño, Cambados e Ponteareas.