Carmela Silva visita no Grove as obras financiadas co Plan Concellos da Deputación, “unha vila que tras estes catro anos está irrecoñecible”

“Estamos convertendo a provincia nunha referencia en canto a recuperación do espazo público. A política local é a máis transformadora para o día a día da xente”
Publicado por o día 14/06/2019 na sección de Deputación de Pontevedra,Galicia,O Grove

Carmela Silva visita no Grove as obras financiadas co Plan Concellos da Deputación, “unha vila que tras estes catro anos está irrecoñecible”

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, xunto ao deputado provincial Carlos Font, e ao alcalde do Grove, José Antonio Cacabelos, e integrantes do goberno municipal, visitou hoxe no Grove as obras do desdobramento na avenida Beiramar e a construción do parque de Skateboard, BMX Roller. Estas dúas actuacións están financiadas a través do Plan Concellos da Deputación con case 200.000 euros. “O Grove está irrecoñecible moi positivamente, declarou a presidenta, porque este espazo non ten nada que ver co que visitei fai catro anos. A xente ten dereito a vivir en pobos dos que sentirse orgullosas e orgullosos”. Silva sinalou que “estamos convertendo a provincia nunha referencia en todo o que ten que ver coa recuperación do espazo público, coas políticas sociais e económicas, e dende a Deputación seguiremos apostando por isto” e enxalzou a labor da política local que “é a máis transformadora para o día a día da xente”.

Durante a súa intervención, Silva anunciou que remitirá unha carta ao presidente da Xunta de Galicia “para recordarlle que esta provincia é o motor económico dinamizador e, polo tanto, Galicia non terá futuro se esta provincia non ten os recursos, os investimentos e os proxectos que necesita para liderar un cambio que é imprescindible que fagamos”. Neste eido, a presidenta fixo fincapé en que “é necesario aprobar o fondo local incondicionado para os concellos de toda Galicia, con criterios obxectivos, exactamente igual que o fai a Deputación”. Carmela Silva manifestou a súa intención de falar con Núñez Feijoo “do Fondo Local, pero tamén do necesario cambio de Portos de Galicia para que non sexa inimigo dos concellos, senón que colabore e desenvolva proxectos conxuntos. Que deixen de ser un elemento de confrontación cos concellos”.  A presidenta provincial expresou igualmente o seu desexo de boas relacións coa Xunta. “Que deixen de ser a miña oposición e que nos convertamos en administracións que sexamos capaces de traballar xuntas para construír”, dixo.


Pola súa banda o alcalde do Grove anunciou o esperado paso adiante para a construción do Auditorio da vila. “Acabamos de asinar o contrato para o auditorio, ese auditorio que a presidenta dixo, cando ninguén cría nel, que ía a ser unha realidade si ou si. Polo tanto, demóstrase que Carmela Silva cumpre e que este proxecto vai ser unha realidade”, subliñou. Para rematar, o alcalde do Grove tamén subliñou que “a presidenta da Deputación ten demostrado nestes catro anos que cre nos proxectos que fan posible a proximidade coa xente”.

En canto as obras financiadas polo Plan Concellos, o obxectivo do desdobramento da avenida Beiramar é reurbanizar e ordenar o tramo viario correspondente, resolvendo así os problemas de mobilidade e seguridade viaria, de accesibilidade e das redes de servizos no tramo comprendido entre a Estación de Autobuses e o cruce coa rúa Castelao. Sobre á construción do parque de Skateboard, BMX roller, as obras comprenden a execución dunha base horizontal e a execución de distintos elementos como o “bowl”, “pala”, “street”, “step up” e “cuarter”, entre outros.

Preto de 7,5 millóns de euros na lexislatura

Nos catro anos de lexislatura, a Deputación de Pontevedra leva investidos no Grove preto de 7,5 millóns de euros en todas as áreas de Goberno. En canto ao vixente Plan Concellos 2019, a institución provincial achega ao municipio 821.581,47 euros, un 3,01% máis ca no exercicio anterior. Ademais, ao longo dos catro anos de mandato, O Grove puido financiar un total de 30 obras a través da Liña 1 do Plan Concellos por preto de 2,2 millóns de euros. No que respecta á Liña 3 de Emprego, este municipio puido contratar a 93 traballadores e traballadoras municipais. Pola súa banda, o concello do Grove tamén é beneficiario do Plan de Reequilibrio cun total de 1.500.000 euros para o proxecto do auditorio e escola de música. Amais, O Grove tamén conta co Plan DepoRemse cun total de 383.185,39 euros para o proxecto de calmado de tráfico e mellora da accesibilidade ao colexio Rosalía de Castro.

Comentar noticia

Your email address will not be published.