Carmela Silva visita a plantación piloto de castaña en Cuntis que devolverá este froito ás plantacións da provincia de Pontevedra

A institución provincial desenvolve o proxecto nunha finca propiedade do Concello de Cuntis grazas a un convenio asinado coa Asociación de Desenvolvemento Rural Ónega
Publicado por o día 01/03/2018 na sección de Deputación de Pontevedra

Carmela Silva visita a plantación piloto de castaña en Cuntis que devolverá este froito ás plantacións da provincia de Pontevedra

A Presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, visitou hoxe en Cuntis acompañada pola deputada provincial Chelo Besada e os alcaldes de Cuntis e Caldas, Manuel Campos e Juan Manuel Rey, a plantación piloto de castiñeiros xurdida do convenio asinado entre a institución provincial e a Asociación de Desenvolvemento Rural Ónega. Na visita tamén estiveron presentes o técnico de Ódega Jacobo Feijoo e o secretario do Consello Regulador da Indicación Xeográfica Protexida Castaña de Galicia, Manuel López.

A través deste acordo realizouse un programa formativo sobre as posibilidades da produción, cultivo e comercialización da castaña en terreos agroforestais da provincia de Pontevedra no que se enmarca a plantación que se levou a cabo nesta parcela situada en Portela, para a que se empregou a planta enxertada con variedades certificadas, propoñendo un deseño de plantación que servirá como modelo piloto. A castaña é un froito practicamente desaparecido na provincia de Pontevedra (malia que na provincia existen casos como o de Lalín, no que se recollen arredor de 600-700 toneladas de castaña) e Galicia ten o liderado deste produto a nivel mundial.

Ao respecto deste proxecto, a Presidenta Carmela Silva sinalou que se trata dunha “idea extraordinaria que amosa que para ter, hai que tocar”. A Presidenta asegurou que “temos que sentarnos para valorar a capacidade que temos na Deputación de Pontevedra de elaborar un proxecto máis ambicioso que se poida desenvolver en toda a provincia de Pontevedra” xa que, lembrou, “os seus resultados están baseados en cifras e en datos obxectivos” posto que foron milleiros de familias do interior de Galicia as que puideron ter ingresos e soportar mellor a crise económica grazas á castaña. O persoal técnico de Ónega sinalou que as plantacións desta finca comezarán a dar froitos no prazo de 10 anos e, en arredor de 14 ou 15, xa podería comezar a aportar entre 6.000 e 10.000 euros pola recollida do froito.

“Non podemos pensar soamente no noso presente, senón que temos que ter en conta o noso futuro e comezar a construílo”, valorou Carmela Silva, polo que asegurou que “é necesario elaborar un plan de futuro no rural e que as administracións con capacidade para investir o fagan de verdade”. A Presidenta da Deputación de Pontevedra sinalou que “para poñer en marcha este proxecto, estableceuse unha parcela dunha hectárea en Cuntis para o cultivo da castaña”.

O deseño desta plantación “serve como modelo piloto que queremos replicar a unha escala produtiva”, informou Carmela Silva, para o que “é necesario levar a cabo un importante traballo de divulgación” co obxectivo de que “tanto o produto como todos os que se poden elaborar con el saian do noso territorio”. “Temos que conseguir trasladar ao conxunto da nosa cidadanía, ao preto dun millón de persoas que viven na provincia de Pontevedra, que arredor dos castiñeiros hai unha posibilidade de desenvolvemento económico e de futuro moi relevante”, sinalou a Presidenta da institución provincial.

Pola súa banda, o alcalde de Cuntis asegurou que este “é un proxecto moi importante e alégrame que a Deputación de Pontevedra aposte por el”. Manuel Campos explicou que a plantación experimental se instalou “nunha finca propiedade do concello de Cuntis” e sinalou que “ano a ano vai medrando o interese pola castaña entre a nosa cidadanía porque é algo que temos aquí, que non fai falla mercar fóra, que nos dá un valor engadido” e, ademais, “a xente comezou a darse conta de que os castiñeiros producen riqueza”.