Carmen Pomar participa na XIII Merenda Intercultural do CEIP do Carballal (Marín)

A conselleira felicitou a comunidade educativa do centro polo seu traballo
Publicado por o día 11/06/2019 na sección de Educación

Carmen Pomar participa na XIII Merenda Intercultural do CEIP do Carballal (Marín)

A conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional, Carmen Pomar, participou esta tarde na XIII Merenda Intercultural, organizada polo CEIP do Carballal, onde estivo acompañada pola alcaldesa en funcións, María Ramallo. Toda a comunidade educativa foi partícipe desta xornada de convivencia, que este ano transcorreu arredor do proxecto didáctico integrado deste colexio, Marín, de todo un chisquín; centrado no coñecemento da súa vila.

Carmen Pomar puxo en valor a implicación das familias na organización desta romaría (que incluíu actuacións de alumnado, ANPA, cantareiras,…) e felicitou a comunidade educativa polo seu traballo arredor deste proxecto. “De todo o que levades aprendido neste centro, estou segura que o máis importante é o respecto e a convivencia, do que esta romaría son un bo exemplo”. Agradeceu tamén o esforzo do profesorado, que foi quen de motivar o alumnado arredor desta iniciativa.


A conselleira felicitou, así mesmo, o centro polo labor que desenvolve a diario. Non en balde o CEIP do Carballal está implicado no Programa de formación e mentoring para o desenvolvemento do talento Piteas e desenvolve case a totalidade das liñas de actuación dos contratos-programa (5 das 7 dispoñibles).

O centro conta, ademais, con seccións bilingües en 3º e 4º de Primaria, a través das que o seu alumnado mellora as súas competencias en inglés, e participa no programa Aliméntate Ben, de promoción dos hábitos de vida saudable; no Aprendo programando, para o uso da programación como ferramenta para desenvolver as competencias do alumnado; e en Nós Tamén Creamos!, promoción da lingua galega a través da creatividade e a incorporación das TIC nas aulas, mediante a creación de curtametraxes en galego; todos eles enmarcados no Plan Proxecta.

Comentar noticia

Your email address will not be published.