Carmen Santos agarda que o recoñecemento do PP a invalidez no caso dos emigrante retornados non volva ser un “xesto para marear a perdiz”

Carmen Santos lembra que hai uns 3000.000 pensionistas afectados pola “persecución” de Facenda, ante os que o Goberno mira para outro lado mentres é permisivo “cos grandes defraudadores, que nin a cárcel pisan”.
Publicado por o día 26/04/2017 na sección de Podemos,Política,Vigo

Carmen Santos agarda que o recoñecemento do PP a invalidez no caso dos emigrante retornados non volva ser un “xesto para marear a perdiz”

A vicevoceira 2a do G.P En Marea acolle con cautela o voto do Partido Popular a favor do recoñecemento das pensións de invalidez no caso dos emigrantes retornados, “pois a experiencia demostra -dixo- que malia que a Xunta dixera que mantivo varias reunións cos afectados ou que o executivo central modificou a reforma do IRPF para permitir ós retornados recuperar o pagado en intereses e sancións, a realidade é ben distinta”.

Para Santos, estes anuncios foron só pequenas mostras dentro da estratexia característica do goberno de Feijóo de dar a impresión de que se está a traballar para solucionar o problema, “cando sabemos que os intereses son outros, marear a perdiz ata que se deixe de falar do tema”.


A parlamentar valorou así a iniciativa do BNG na que se reclamaba a regularización de todas as pensións dos emigrantes retornados, amosando o apoio de En Marea a todos os seus puntos, malia que finalmente só se sacou adiante o relativo ás pensións de invalidez, tras ser emendado polo PP, “marear a perdiz”, insistiu a deputada.

Para a vicevoceira, os pensionistas galegos foron sometidos a unha persecución por parta de Facenda “absolutamente inaceptable” e aínda que o goberno central recoñececeu que a Axencia Tributaria se excedía de forma abusiva na interpretación das normas, a reforma que impulsou para resolver a situación tiña máis sombras que luces, “parecía feita máis para a prensa e para a propaganda, unha vez máis”.

Máis de 300.000 afectados

“Os grandes vacíos legais que deixaba tras de si -engadiu- non axudaban nin axudan a resolver ou clarificar esta difícil situación, xa que por exemplo, na normativa aprobada fai tres anos, por exemplo, non se teñen en conta os convenios bilaterais firmados con outros países”.

Carmen Santos lembrou que, de feito, recentemente, a Coordinadora Nacional de Emigrantes Retornados de Galicia denunciou no propio Parlamento Europeo esta “persecución” e “discriminación” da que eran vítimas por parte da Axencia Tributaria, que afecta, segundo os seus datos, a uns 300.000 retornados galegos.

Para a vicevoceira, estamos ante un novo caso de perseguir “aos pequeniños que teñen problemas legais, que teñen principalmente 70 anos, que viven na maioría no rural; machácase a esta xente mentres se é permisivo cos grandes defraudadores e corruptos do país, que nin pisan o cárcere nin devolven un peso do roubado. O mundo ao revés. Este é o país no que estamos con este goberno”

Colectivo Long Hope

Carmen Santos concluiu comparando esta actitude do goberno central e da Xunta respecto a este colectivo coa situación dos mariñeiros agrupados na asociación Long Hope, que levan anos loitando sós diante das autoridades noruegas para que se lle recoñeza o dereito a unha pensión despois de estar embarcados en buques dese país toda a súa vida.

A diferencia, lembrou, é que no caso dos emigrantes retornados, a única autoridade competente é España polo que non valen excusas, “porque os verdadeiramente responsables, os culpables son vostedes, señores do Partido Popular, e teñen que dar unha solución a esta xente”.

A parlamentar, unha vez rematado o debate das PNL, achegouse á concentración que este colectivo mantivo diante das portas do Parlamento, para escoitar as súas queixas e comprometerse a seguir defendendo as súas demandas.

Condolencias accidente “Nuevo Marcos”

“Se nos entristece a morte de traballadores sempre, hai casos nos que a algunhas nos doe e o sentimos en primeira persoa pola nosa proximidade persoal ao sector e polas terribles circunstancias nas que se produciu este accidente”, dixo.

A parlamentar quixo enviar unha mensaxe de ánimo tanto a amigos e familiares dos falecidos como a toda a xente do mar, en xeral, que está demasiado exposta todos os días a unha fatalidade como a acontecida onte, cando todos e todas os colectivos deberían traballar coas máximas garantías de seguridade.