Carmen Santos: “agora é a quenda dos acusados no caso do Marisquiño para daren explicacións”

O resultado da instrución confirma a existencia de responsabilidades compartidas entre os técnicos do Porto e os do Concello
Publicado por o día 04/10/2019 na sección de Galicia,Grupo Común da Esquerda,Política,Vigo

Carmen Santos: “agora é a quenda dos acusados no caso do Marisquiño para daren explicacións”

oxe deuse a coñecer que o resultado da instrución da xuíza que leva o caso do accidente no Marisquiño é que, tal como defendeu o Grupo Común da Esquerda desde o primeiro momento na Comisión de Investigación, existe unha responsabilidade compartida entre os técnicos do Concello e do Porto de Vigo con respecto ás medidas de seguranza e prevención. “A instrución demostra que non había motivos para tratar os organizadores do festival como acusados, xa que fican fóra da causa”, apuntou Carmen Santos.

“Na Comisión de Investigación, os técnicos do Concello tentaron exculpar a súa responsabilidade sen atacar á organización do festival, mentres que os do Porto si atacaron directamente o Festival do Marisquiño. Consideramos que agora é a quenda dos acusados para daren explicacións sobre por que non se aclararon as causas do acontecido de forma axeitada despois do accidente”, expuxo a deputada do Grupo Común da Esquerda. “O fundador do festival, Carlos Domínguez ‘Piti’, tivo que dar no seu momento un paso atrás, o cal o noso Grupo tamén criticou na Comisión porque consideramos que é unha vítima da actuación das Administracións para evitaren as súas responsabilidades compartidas. Aledámonos de que quede libre das sospeitas que se fundaron contra el de forma antiética”, engadiu.

O Grupo Común da Esquerda agarda que os traballos da Comisión de Investigación poidan servir para que se validen no xuízo, se procuren solucións e non se volva repetir un accidente destas características e magnitude.

Comentar noticia

Your email address will not be published.