Carmen Santos amosa a súa satisfacción co resultado obtido nas primarias de En Marea

Santos sinala que “é moito máis doado facer listas poñendo aos teus amigos a dedo”, en alusión a Núñez Feijóo e as listas do Partido Popular.
Publicado por o día 20/08/2016 na sección de En Marea,Podemos,Política

Carmen Santos amosa a súa satisfacción co resultado obtido nas primarias de En Marea

A secretaria xeral de Podemos Galicia, Carmen Santos, compareceu esta mañá ante os medios nunha rolda de prensa na que valorou os resultados obtidos polo partido nas primarias de En Marea, cuxos resultados se coñeceron no día de onte.

Santos declarouse “satisfeita” cos resultados obtidos, á vez que cualificou como “magníficos” os resultados nas provincias da Coruña e Pontevedra, onde Podemos Galicia obtivo once representantes. A máxima representante da formación morada incidiu en que Pontevedra é “tradicionalmente a máis forte [para Podemos] con respecto á intención de voto tanto nos procesos internos como electoralmente”. Do mesmo xeito, Santos constatou tamén unha maior dificultade de penetración do partido nas provincias de Lugo e Ourense o que, ao seu entender, “amosa que temos que facer un sobresforzo para traballar nas provincias do interior e nos espazos rurais”. Pese a iso, Santos considera que “estamos nun momento excelente e con forza”.

Respecto da participación no proceso, a secretaria xeral galega mostrou o seu agradecemento aos inscritos e inscritas que participaron no proceso, así como “aos compañeiros e compañeiras de En Marea que tamén, dentro dás posibilidades, facilitáronnos moito a participación”. Santos tamén sinalou que os resultados son moi positivos para En Marea, porque “amosan moito a pluralidade que existe non proxecto”.

Santos tamén dedicou unhas palabras ao candidato de En Marea, Luís Villares, ao que felicitou e sobre o que sinalou que “xa me comentaran que era unha persoa magnífica e onte que o coñecín persoalmente puiden corroboralo”.

Para rematar, a secretaria xeral non desperdiciou a oportunidade de deslizar un recado ao Partido Popular, sobre o que sinalou que “é moito máis doado facer listas poñendo aos teus amigos a dedo”, en alusión aos comentarios vertidos por Nuñez Feijóo en datas recentes sobre o proceso de primarias de En Marea.