Carmen Santos convida o PP a que se coide “de certas amistades” e advírtelle de que a corrupción destroza a democracia

A Vicevoceira 2a do G.P En Marea entrega un caravel vermello do 25 de Abril, símbolo da revolución silenciosa, pacífica, no país veciño, ao presidente da Mesa, Miguel Santalices.
Publicado por o día 25/04/2017 na sección de Podemos,Política,Vigo

Carmen Santos convida o PP a que se coide “de certas amistades” e advírtelle de que a corrupción destroza a democracia

A vicevoceira 2a do G.P En Marea, Carmen Santos, convidou hoxe ao Partido Popular a que se coide de “certas amistades” e se sume a unha práctica política ética e non fraudulenta, base da democracia.

Santos ironizou deste xeito coa situación de auténtico “tsunami” que está vivindo o PP cos casos de corrupción nos que están inmersos os populares e lembrou que, como di o poema: “Los ovnis -como ciertas amistades- no vienen a lo nuestro / sino a lo suyo” e no caso dos Populares isto significa “roubar” e”precarizar” o país mentres as arcas propias e as dos seus amigos se enchían fraudulentamente. A corrupción destroza a democracia”, dixo.

A vicevoceira, que interveu para amosar o posicionamento a favor de En Marea a unha iniciativa do PSdeG para artellar medidas antifraude nos contratos públicos, asegurou que, malia a súa vehemencia, o consello ao PP era sincero e entregou ao presidente da Mesa, Miguel Santalices, o caravel vermello co que o seu grupo conmemorou o 25 de Abril que se celebra hoxe.

Con este xesto, Santos quixo deixar claro que non concibe o debate político e moito menos o institucional como un combate de boxeo, tal e como suxerira hai uns días o secretario do PP, Miguel Tellado, “prefiro a literatura e os caraveis, as revolucións pacíficas”.

Rueda e Villar Mir

Para a deputada e secretaria xeral de Podemos Galicia é fundamental sacar adiante iniciativas como as do PsdeG e outras como a da Fiscalía Anticorrupción específica para Galicia, que En Marea volverá a reclamar na Cámara -anunciou- “porque a este ritmo non vai quedar in-corrupto no PP nin o último para pechar a porta”.

Lamentou que malia este escenario, o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, hoxe mesmo acusara a En Marea de ser oportunista e faltar ao rigor polo escándalo de Ferroatlántica, do señor Villar Mir e o seu xenro, ambos imputados.

“É lóxico -advertiu Carmen Santos- que calquera persoa minimamente intelixente pense que Ferroatlántica pode estar exercendo influencia sobre o PP para o seu propio beneficio empresarial, como dicía onte o noso voceiro Luís Villares, porque semella que existe unha relación directa entre o trato de favor a esta empresa e o financiamento do PP. Pero igual somos mal pensadas, e as aportacións que fixeron ao PP as empresas OHL de Villar Mir por 530.000 € ou de Sacyr con 480.000€, son froito do azar e non “pequenos” incentivos para asegurarse un suculento contrato público”.

Prioridades do PP

Para a vicevoceira 2a, non é de recibo que o PPdeG centre a súa máxima preocupación, “como goberno serio e responsable”, nas redes sociais en vez de nas iniciativas da oposición, sobre todo cando estas teñen a ver coa loita contra a corrupción, contra unha “trama” que se vai tecendo co tempo “e daqueles polvos estes lodos”.

Neste sentido, asegurou que aínda que Feijóo queira mirar para o outro lado, a “euforia” de verse xa como “delfín” de Rajoy fixo que xa no seu momento se lle escapara o recoñecemento, como normal ou habitual, de “zonas grises” nos financiamentos de todos os gobernos. Pouco tempo despois comezou o “festival” que todos os días, ademais, dá un titular, ou varios.

“Hoxe mesmo soubemos dos chivatazos da Fiscalía a Ignacio González ou dos sms do Ministro ao que fora man dereita de Esperanza Aguirre na Comunidade de Madrid”, dixo.

Paula Prado e Esperanza Aguirre

A secretaria xeral de Podemos indicou que malia que o PP queira desentenderse; insista nos “casos illados”; teime nas terceiras dimisións, como é o caso de Esperanza Aguirre, despois de, segundo ela, ter destapado a trama Gürtel, “está tan implicado ou máis que os seus xefes de Madrid, aínda que igual, calquera día a señora Prado nos sorprende dicindo que ela destapou a Pokemon”.

A trama de corrupción, concluiu a deputada, ten “Denominación de Orixe Galega: Pablo Crespo, Louzán, Baltar, Conde Roa, Poquemon, Picachu, Orquestra, Naseiro, Marcial Dorado….sóanlle?” por iso insistiu na necesidade de que a xustiza actúe como xa o está facendo pero tamén que se estabelezan as medidas acaídas nas diferentes institucións para que non se poidan repetir casos de fraude ou roubo como os que están sendo investigados .