Carmen Santos insta ao PP a votar a favor da creación dunha Fiscalía anticorrupción propia para Galicia

A vicevoceira de En Marea lamentou que os gobernos do Partido Popular opten por non facer nada ou tentar acabar coa separación de poderes en lugar de atacar directamente o problema da corrupción no noso país.
Por o 20/06/2017 | Sección: En Marea,Galicia,Política
Carmen Santos insta ao PP a votar a favor da creación dunha Fiscalía anticorrupción propia para Galicia
Compartir en:

En Marea defendeu ante o pleno do Parlamento a súa petición de creación dunha Fiscalía anticorrupción en Galicia que será votada na sesión plenaria de mañá mércores. A vicevoceira de En Marea no Parlamento, Carmen Santos, arrancou a súa intervención facendo referencia ás palabras do Fiscal Xeral do Estado en 2012 nas que aseguraba que a corrupción é un “fenómeno criminal que se atopa entre as primeiras preocupacións da sociedade, xera desconfianza nas institucións, perturba o seu normal funcionamento e afecta á estrutura do sistema de convivencia democrático, polo que debe ser combatido con rigor”. Unha corrupción que a día de hoxe chega ao propio sistema xudicial ao que se presiona desde o Goberno co fin de que non actúe sobre esta realidade.

“Cada ano ábrense 200 investigacións por delitos de corrupción en Galicia, e o Partido Popular é o primeiro partido de Goberno en Europa que está imputado” salientou Carmen Santos. Un partido que quedou retratado na moción de censura no Congreso dos Deputados da pasada semana na que se evidenciou que “non teñen maioría na Cámara e sobre todo, que o seu é un partido podrecido que non ten lexitimidade moral para gobernar”.

A pesar de que a corrupción é segundo o propio CIS unha das principais preocupacións da cidadanía, os gobernos do PP, “aquí e no Estado” manteñen unha actitude pasiva optando por rematar coa separación de poderes como denunciou Carmen Santos. En Galicia a corrupción é sinalada igualmente coma unha das principais preocupacións cidadás e exemplos hai suficientes para xustificar esta inquedanza. Neste sentido, Carmen Santos asegurou que Galicia é un dos territorios que máis sofre a “corrupción legalizada” do Partido Popular en forma de políticas de recortes para lucrarse só uns poucos. Un claro exemplo é á situación da sanidade galega onde a Xunta de Feijóo suspendeu campañas de vacinación infantil por desabastecemento de fármacos, depauperou protocolos hospitalarios e enfróntase a querelas por homicidio por retrasar tratamentos a doentes que morren sen ser recibidos, como os da hepatite C. Mentres salientou Santos, presumen do mellor hospital de España, a súa obra faraónica Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo lembrando que o Sergas adxudicou á súa construción e a explotación dos seus servizos non sanitarios por 1.300 millóns de euros durante 20 anos.

Outro dos exemplos aos que se referiu a vicevoceira de En Marea, Carmen Santos, foi as actuacións nas deputacións, “que en vez de institucións para o pobo son o símbolo da corrupción caciquil”. “Deputacións que en vez de utilizar os cartos públicos para a xente, son lugares onde vostedes parasitaron sen control, con total desvergonza, para gañar eleccións e para se lucrar, converténdoas incluso en lugares para ofrecer traballo a cambio de sexo” denunciou. Santos referiuse tamén a actuación de Rogelio Martínez “man dereita do señor Feijóo” que vai ser xulgado por malversación de fondos europeos, ou os acordos ocultos do Consello da Xunta durante a pasada lexislatura, por valor de 280 millóns de euros, entre os que se atopaban o perdón a unha multa de 3 millóns de euros ao ex deputado do PP e promotor inmobilidario Telmo Martín, “ese que volve a ser alcalde en San Xenxo ante o estupor popular”.

A vicevoceira de En Marea animou ao grupo do Partido Popular a votar a favor da iniciativa do seu grupo aproveitando esta nova oportunidade para amosar “se realmente se avergoñan dalgúns dos seus compañeiros e, sobre todo, se cren na democracia e na división de poderes que debe sustentala ou, polo contrario, prefiren seguir acomodados no confort duns delitos polos que parece que só pagan facturas as vítimas, é dicir, os cidadáns”.

Na súa proposta, En Marea incluía instar por unha banda ao Ministerio de Xustiza a que aumente e dote con maior número de recursos a planta do Ministerio Fiscal en Galicia, e por outra, instar á Fiscalía Xeral do Estado para a creación dunha Fiscalía Anticorrupción con delegación exclusiva para Galicia.