A vicevoceira 2a do GP En Marea e secretaria xeral de Podemos Galicia, Carmen Santos, percorreu ao longo do día de hoxe diferentes pontos estratéxicos da comarca do Condado-Paradanta, co obxecto de recabar de primeira man os principais problemas desas zonas e poder darlles traslado a través do traballo institucional para a súa resolución.
Santos, que estivo acompañada por diferentes membros da Executiva de Podemos Galicia e representantes de Podemos Vigo, comezou a súa visita no polígono industrial de Ribadil, na Cañiza, para exemplificar o grave problema de desemprego que padece a comarca, non en van neste polígono había 700 postos de traballo que se reduciron a 30.
Na visita, a parlamentar puido comprobar cómo as naves foron vendidas a un amigo do alcalde, segundo lle explicaron algúns veciños e veciñas, malia que en certos casos eran propiedade do concello. Asemade, outro dos problemas que constatou é o elevado dos alugures, que impide que as empresas se asenten alí.
De seguido, Carmen Santos e a súa equipa reuniuse con técnicos forestais da comarca, pois As Neves e Arbo foron das zonas máis castigadas o pasado ano pola vaga de lumes, máis de 3.000 hectáreas calcinadas. “Unha realidade que acontece cando as políticas do PP están enfocadas ao negocio e non ao proteción do medio”, coincidiron a secretaria xeral de Podemos e o grupo de traballadores.
Neste encontro, a vicevoceira tomou boa nota de que as comunidades de montes e veciños da zona precisan de máis medios para manter as pistas accesibles, ademais dos traballados acaídos de limpeza durante todo o ano, “porque o lume se apaga no inverno –comentaron os técnicos- non queremos volver vivir o inferno que vivimos o pasado verán”.
Finalmente, a visita institucional rematou en Salvaterra, no Porto Seco, onde Santos cualificou de “esperpento” e auténtica “tomadura de pelo” que houbese un investimento de 127 millóns de euros de Plan Industrial da Xunta e ese espazo sexa “puro deserto”.
A secretaria xeral de Podemos valorou moi positivamente este tipo de “actos de proximidade” porque permiten escoitar e comprobar de primeira man cales son as necesidades reais de todos os recunchos do país, “dar protagonismo á xente, á que realmente padece no seu día a día as políticas nefastas do Partido Popular, pois é grazas á xente e ás súas denuncias e aportacións como podemos facer mellor o noso traballo tamén nas institucións”.
A xornada retamaba ás 19.00 H en Ponteareas con encontro comarcal cos inscritos e inscritas da zona.
Noticias de última hora en Vigo