Carmen Santos: “Podemos ten que defender sempre a vontade das inscritas e inscritos. Ese é o noso sinal de identidade”

Publicado por o día 15/01/2017 na sección de Podemos,Política,Vigo

Carmen Santos: “Podemos ten que defender sempre a vontade das inscritas e inscritos. Ese é o noso sinal de identidade”

A secretaria xeral de Podemos Galicia, Carmen Santos, atópase participando nas xornadas “PODEMOS: Trabajo para todas” que organiza o equipo legal de Podemos estatal, en colaboración con Podemos Canarias. Santos acudiu en calidade de convidada, xunto a outros membros da executiva e da área xurídica galegas, e participou esta tarde no taller “Confluencias y Confluyentes”, onde reflexionou sobre a experiencia galega neste eido.

Santos fixo un repaso das distintas etapas atravesadas na construción destas candidaturas de unidade, poñendo en valor os resultados das eleccións municipais de 2015, destacando “a oposición salvaxe á que están sometidas en moitas das cidades e vilas do cambio”, que identificou cos “anticorpos” dun sistema político envellecido “que trata de defenderse dos novos tempos”.

Para a número un de Podemos en Galicia, “a xenerosidade amosada por Podemos de cara á conformación de espazos máis amplos nos distintos territorios do Estado é unha boa proba do compromiso da nosa organización coa idea dun Estado plurinacional” e tendo sempre presente o elemento “máis importante de todos os que caracterizan este proxecto de transformación que é Podemos: a vontade das bases”, fronte ás formas da “vella política” e os seus “aparatos de partido”, “máis preocupados pola súa propia supervivencia que polo benestar da cidadanía”.

A secretaria xeral de Podemos Galicia rematou a intervención suliñando que “Podemos é a voz e o sentir de máis de cinco millóns de persoas no conxunto do Estado” e como tal “temos que estar á altura do que a cidadanía demanda”, sendo “construtivos e audaces” e “seguir levando a defensa da vontade da xente” como “sinal de identidade”.

Ademais de Carmen Santos, na palestra interviñeron tamén o representante xeral da candidatura Unidos Podemos, Pablo Fernández, Aina Díaz, de Podem Balears, Cristina Fernández, da confluencia catalana e Javier Doreste, de Podemos Canarias.

COMUNICADO DA SECRETARÍA DE ORGANIZACIÓN GALEGA

Hoxe mesmo fíxose tamén público un comunicado no que a secretaría de organización de Podemos Galicia valoraba como “positivo” o acordo acadado no seo de En Marea para unha candidatura unitaria, “a pesar das discrepancias na configuración deste suxeito político instrumental para conformar o órgano que substitúe ó provisional emanado da Asemblea de Vigo”.

O comunicado lamentaba o “paso atrás” que supón que as restricións establecidas limitasen tanto o censo de votación que este teña só 1.600 persoas, e incide en que Podemos aspira a abrir os espazos e que participe cada vez máis xente. Tamén lamenta a exclusión dalgúns perfís da lista final, dos que destacan o talante “conciliador” de Gonzalo Rodríguez, unha decisión que “non podemos compartir”, sinala o comunicado, no que tamén se aclara que as persoas que participan en En Marea o fan a título individual e “nunca en representación de Podemos”, despois de que diferentes informacións aparecidas no día de hoxe apuntaran nesa dirección.

RelacionadoDeclaracións de Carmen Santos nas xornadas “PODEMOS: Trabajo para todas”