A carreira HappyGoRunning busca 50 voluntarios e voluntarias

Un euro de cada inscrición destinarase á Fundación Galega contra o Narcotráfico

A HappyGoRunning-Cidade Universitaria, a tradicional carreira de 10km que acolle o campus de Vigo, celebrará a súa duodécima edición o 22 de abril e, para que este evento teña o mesmo éxito ca nas pasadas convocatorias, a Área de Benestar, Saúde e Deporte da Universidade fai un chamamento a aquelas persoas que estean interesadas en colaborar coa organización da proba. Secretaría, seguridade ou preparación do circuíto son algunhas das actividades que realizarán as e os voluntarios, labores que serán explicados nunha reunión previa na mesma semana da celebración do evento. Este traballo desinteresado de calquera membro da comunidade universitaria recompensarase cun acceso gratuíto á sala cardio-fitness do campus ata o 31 de agosto, cunha prenda conmemorativa e cun total de 15 horas ECTS, xa que “esta actividade tamén contribúe á formación do alumnado, porque aprenden a traballar en equipo e a asumir certa organización”, indica Javier Rial, director técnico da area encargada desta cita deportiva.

“Cada ano contamos con, aproximadamente, 50 persoas, procedentes maioritariamente do campus de Vigo, que colaboran na organización coa entrega de dorsais, reparto de agasallos, marcaxe dos circuítos ou cos labores que teñan que ver cos deportistas. Son esenciais para o evento”, recoñece Rial, e “moita xente repite e suman máis persoas a esta iniciativa”. Deporte, saúde e positividade serán as características que definan a esta edición, e que a organización agarda  que “tamén animen á participación”. As persoas que desexen anotarse como persoal voluntario poderán facelo ata a semana previa á celebración da carreira.

Por outra banda, a HappyGoRunning-Cidade Universitaria reeditará o seu carácter solidario, doando un euro de cada inscrición á Fundación Galega contra o Narcotráfico. O Concello de Vigo e o Club Peña Trevinca Montañeiros de Galicia son outras das entidades colaboradoras.

Obxectivo 1000 inscritos

Ademais da procura de voluntarios e voluntarias, de cara o día 22 de abril, un dos obxectivos da Área de Benestar, Saúde e Deporte é aumentar a participación da comunidade universitaria nesta proba, que comprende unha modalidade da andaina e dúas distancias de carreira (10 km e 6,6 km). Para fomentar a implicación dos membros da Universidade, a organización puxo en marcha “unha competición por equipos, que deben contar cun mínimo de cinco participantes dos cales, alo menos, tres deberán pertencer á Universidade”. Non obstante, a carreira está aberta a toda a cidadanía e dende a área de Deportes espérase que nesta edición se incremente o número de corredores e corredoras, que en 2017 roldaba os 750, “aínda que o que realmente desexamos”, explica Rial, “é conseguir de novo 1000 participante, como hai cinco anos”.

Para facilitar a participación de persoas con calquerea tipo de condición física, a carreira comprende dúas modalidades, unha de iniciación, de 6.6 km e unha ‘pro’, de 10 km. Ambas transcorren por un circuíto de 3.3 km de lonxitude, que se estende entre os vieiros interiores do campus e a entrada á Cidade Deportiva do Círculo Mercantil. Deste xeito, as persoas que elixan a modalidade de iniciación completarán dúas voltas ao circuíto, e na modalidade ‘pro’, tres voltas. A carreira forma parte do Circuíto RunRun Vigo de Carreiras populares, polo que as e os atletas inscritos na HappyGoRunning-Cidade Universitaria quedarán automaticamente rexistrados nesta proba.

Para as persoas que desexen participar nesta cita, pero dun xeito máis pausado, deseñouse a modalidade de andaina, coa mesma lonxitude que a carreira, pero por un circuíto diferente polos arredores do campus. Paralelamente, na contorna do campus desenvolveranse tamén programas lúdicos para os máis pequenos, como obradoiros de xogos ou actividades acuáticas.

Inscrición, prezo e premios

O prazo de inscrición na proba deportiva remata o 19 de abril e os prezos van entre os 4 euros para a andaina e os 7 para a carreira (5 para os membros da comunidade universitaria de Galicia e Portugal).

No relativo aos premios, os tres primeiros homes e as tres primeiras mulleres en cruzar a liña de meta na distancia de 10 km recibirán 400, 300 e 200 euros respectivamente. Na clasificación universitaria Galaico-Duriense entregaranse un premio ao campus gañador e agasallos as persoas, ata un máximo de 20, que o integren.

Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.

SIGUENOS EN TELEGRAM