Carril: “manter a prórroga dos ERTE nestas condicións sen ter derrogado a reforma laboral é unha tortura insufríbel para a clase traballadora”

A CIG mobilizouse en todas as comarcas para esixir unha saída galega xusta da crise

A CIG concentrouse este mércores nas sete cidades galegas en rexeitamento ao segundo acordo asinado polo Goberno español, a patronal, CCOO e UGT para a prórroga dos ERTE, mentres seguen plenamente vixentes as reformas laborais, das pensións e da negociación colectiva ou os recortes nas prestacións por desemprego e os servizos públicos. Por iso, a CIG reitera que este acordo, plasmado no Real Decreto Lei 24/2020 que hoxe se convalidou no Congreso dos Deputados/as, supón afondar no abuso patronal e un enorme prexuízo para o conxunto dos traballadores e das traballadoras.

“Que neste acordo se siga mantendo a reforma laboral, tendo en conta a evolución da crise social e económica derivada da pandemia, xera as condicións perfectas para que estes ERTE rematen en despedimentos. Non derrogar cando menos os artigos da reforma laboral que seguen deixando en exclusiva nas mans das empresas as decisións dos despedimentos, permite que Alcoa ou BorgWarner poidan executar os seus plans de peches e deslocalizacións con total facilidade”, advertiu o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, que participou na concentración realizada en Vigo.

Así mesmo, este acordo provoca que as persoas despedidas dende o 14 de marzo sigan no desemprego e sen o contador a cero do paro que están consumindo, e afonda na desprotección e no empobrecemento de amplos sectores da poboación.

“Manter neste Real Decreto-lei a prórroga dos ERTE nas condicións actuais sen ter derrogado a reforma laboral é unha tortura insufríbel para a clase traballadora, xa que permite que as empresas apliquen regulacións de emprego sen control, modificacións substanciais das condicións de traballo, descolgues de convenio, etc.; e que non complementen as prestacións por desemprego”, aseverou.

A este respecto, Paulo Carril lembrou que a partir do día 181 no desemprego, a prestación que se percibe baixa do 70% a tan só o 50% da base reguladora, supondo un duro golpe para os ingresos dos fogares. Esta foi unha reforma nas prestacións que impuxo o PP en 2012 e que a día de hoxe tamén segue en vigor.

Por iso, o secretario xeral da CIG considera que resulta lamentábel que UGT e CCOO contribúan a construír esta realidade nun momento económico e social tan duro, no que as políticas neoliberais, a obsesiva recentralización e o abuso patronal campa as súas anchas, mentres a reforma laboral do PP segue vixente e sen perspectivas de ser abolida.

Carril puxo o acento tamén en que se continúan a detraen fondos achegados por todas as traballadoras e traballadores (da Seguridade Social, do SEPE e do FOGASA ) para financiar a exoneración das cotas empresariais pactadas; e ao tempo increméntase o gasto público sen pór en marcha unha política fiscal progresiva nin medidas para redistribuír partidas orzamentarias (como as destinadas a Defensa ou á casa real) “de tal maneira que se están pondo todas as bases para que esta crise, novamente, a volvamos pagar a clase traballadora e as maiorías sociais”.

A falta de medidas eficaces para evitar que a saída da crise impacte de cheo no deterioro das condicións de vida da clase obreira, apunta Carril, habería que engadir a insuficiencia do Ingreso Mínimo Vital para atallar as situacións de exclusión social e garantir salarios dignos.

Ademais, reiterou que este é un acordo que non permite unha recuperación económica xusta e non resolve os problemas da crise industrial e social que xa viña padecendo Galiza nin achega solución ás comarcas e sectores ameazados a día de hoxe por peches de actividades produtivas e despedimentos masivos. “Mais ben ao contrario, políticas como as recollidas neste novo episodio do diálogo social dificultan unha saída xusta e galega da crise”.

Noticias de última hora en Vigo

SIGUENOS EN TELEGRAM

Comentarios (0)
Publicar comentario