Carta aberta ao Sr. Feijóo

Publicado por o día 12/11/2016 na sección de CIG,Sanidad,Sindicatos,Vigo

Carta aberta ao Sr. Feijóo

Asdo: María Xosé Abuín, Secretaria Nacional da CIG-Saúde

O Sr Feijoo acaba de prometer no seu discurso de investidura a creación de miles de postos de traballo, supoñemos que se está a referir a emprego estable de calidade. Mais a primeira oportunidade que ten de demostrar que isto é certo, é agora, na Lei de Orzamentos de Galiza para o ano 2017.

E que ten que facer? Eliminar na devandita Lei a taxa de reposición do SERGAS. Ou mellor dito, eliminar a fórmula de computo da taxa de reposición. Xa sabemos que a Lei de Orzamentos do ano 2016 permite convocar o 100% das prazas vacantes. Mais é certo que só permite convocar o 100% das prazas vacantes do ano 2015.

Cal e o efecto da eliminación da taxa de reposición? Permitiría que todas as prazas estruturais xeradas desde o ano 2009, e cubertas con contratos eventuais, se puidesen transformar en prazas vacantes, para ser cubertas por persoal con vínculo de interinidade. Con posterioridade estas prazas serían convocadas a concurso de traslados e OPE.

Que vai pasar se o Sr. Feijoo non elimina a taxa de reposición? Que serán as/os xuízas/es quen declaren estas prazas coma vacantes por fraude de Lei.

É de recibo que un Presidente da Xunta de Galiza deixe que sexa o xulgado o que lle ordene o cadro de persoal do SERGAS, cando el é o máximo responsable de garantir unha prestación sanitaria de calidade?

Tampouco nos vale que siga a utilizar a desculpa de que a taxa de reposición se aplica por decisión do goberno de Madrid, goberno do Partido Popular, por certo. O Sr Feijoo, se quere, debe exercer a súa influencia no PP estatal, para, cando menos, dicirlle ao goberno do estado que a taxa de reposición non pode ser normativa básica estatal. Se Galiza ten as competencias en materia sanitaria, estas competencias deben ser íntegras.

Por iso, Sr. Feijoo, se o que importa é GALIZA, GALIZA, GALIZA, isto non pode ser só un lema de campaña electoral. E que mellor oportunidade que a de dotar a Sanidade Pública dun cadro de persoal estable, que garanta a continuidade dos coidados, e acabar dunha vez por todas coa precariedade laboral.