Carta aberta Plataforma Mineiros Touro-O Pino

Publicado por o día 11/04/2019 na sección de Galicia,Santiago

Carta aberta Plataforma Mineiros Touro-O Pino

Recorremos a esta carta aberta para tentar facernos oír entre tanto ruído. Para tratar de facernos visibles neste perigoso xogo de confusión, desinformación e descoñecemento. Para manifestar a nosa indignación e a nosa rabia polo feito de ter que defendernos de quen supostamente deberían protexernos.
 
Somos conscientes de que nos meteron nunha guerra sucia na que se recorre ao argumento fácil, aínda que sexa sen fundamento, para arremeter contra o novo proxecto mineiro. Pero no medio de todo ese lume hostil, curiosamente co medio ambiente como bandeira, estamos nós. Traballadores que nos vimos humillados unha e outra vez por quen se supón debería representarnos.
 
Señor Martiño Noriega, vostede é ou debese ser o alcalde de todos. Desde hai meses somos testemuñas de como antepon a súa ideoloxía á súa obrigación de neutralidade institucional. Cando un alcalde cruza a porta de Raxoi, as opcións persoais teñen quedar fóra. As accións teñen que representarnos a todos.
 
O seu último episodio tendencioso foi coa proxección dun documental no que se arremete, unha vez máis e con argumentos falsos, contra o noso traballo. Asumimos que a proxección é libre pero non asumimos nin aceptamos que se utilice o nome, os medios, e a imaxe do Concello de Santiago para promocionala e mandar invitacións como “colaboradores”. Non se se os traballadores, porque é o que somos, formamos parte dos seus “principios” pero unha vez máis non só non nos representa, senón que nos denigra.
 
Aguantamos durante meses unha pancarta contra a mina en espazo público como o mercado de Abastos. De nada valeron as nosas peticións. Tivo que intervir a institución do Valedor do Pobo para apercibilo da ilegalidade. Vemos cada día o seu tendenciosa actuación cando paseamos pola Alameda baixo outra pancarta que leva meses na vía pública. De novo coa aquiescencia do Concello. A indignación e a rabia é aínda maior cando o alcalde de Santiago toma partido sen ter o máis mínimo interese en escoitarnos. Pedímosllo en reiteradas ocasións. Preferiu facer oídos xordos e pecharnos a porta Tan perigoso parécelle escoitar? Escoitarnos?
 
Somos traballadores, 250 nas empresas que desenvolven a súa actividade na antiga mina e os que traballamos no novo proxecto. Está a xogarse co noso medio de vida. Moitos somos veciños de Santiago. Por que nós non temos alcalde? Gañarse a cadeira de brazos da alcaldía non lle dá dereito a utilizalo de forma partidista. É máis, outórgalle unha responsabilidade, a de gobernar por e para todos e non só para os que comulgan con vostede e as súas simpatías.