Carta ao presidente da Xunta dunha das vítimas de Chandebrito

Por o 26/05/2018 | Sección: Opinión,Social,Xunta de Galicia
Carta ao presidente da Xunta dunha das vítimas de Chandebrito

Esta é a carta que recibiu o grupo de En Marea enviada por unha das fillas das dúas vítimas dos incendios do 15 de outubro en Chandebrito no que lamenta o absoluto abandono por parte do Goberno galego e que foi lida polo seu voceiro Luís Villares na xornada “Territorio queimado. Territorio silenciado”.

Carta integra

POR QUÉ DIFERENZAS?

Estes días, a raíz da desgraza ocorrida en Tui, estou revivindo con maior intensidade o que sufrimos dende o pasado 15 de outubro.

A Tui acode o Vicepresidente da Xunta, o mesmo día dos feitos, e ó día seguinte ó parecer, o Presidente, penso que cumpriron coa súa obriga.

Tamén case dende o primeiro momento se envían equipos de axuda psicolóxica, considero tamén que isto é o correcto.

Pregúntome a qué se deben tan substanciais diferenzas respecto das actuacións e comportamento das autoridades respecto das que tiveron co pobo de Chandebrito e cos familiares das dúas vítimas mortais.

O incendio foi na tarde do domingo 15 de outubro.

A Chandebrito non acudiu ningunha autoridade o día 16 de outubro, tampouco se enviaron equipos de axuda psicolóxica, e o mesmo ocorreu o día 17. As únicas autoridades que se puxeron en contacto cos familiares das dúas vítimas o día 16 a primeira hora da mañá, foron axentes da policía xudicial para que lles facilitaramos fotografías e acudiramos a prestar declaración e recoñecer dous obxectos persoais e outras dilixencias.

O martes 17 pola mañá acudimos ó centro de saúde a pedir axuda psicolóxica, que foi concertada cos medios do propio centro, para o día seguinte (mércores 18).

O martes 17, a media tarde, recibimos a primeira chamada dun Conselleiro da Xunta, ó que lle trasladamos o noso enfado.

Finalmente enviaron o equipo psicolóxico o mércores 18 a media tarde, cando estabamos totalmente acompañados polos nosos familiares, amigos e veciños no tanatorio. Alí acudiron tamén, entre outras autoridades, o Presidente e o Alcalde. Antes non existiamos, nin tiñamos necesidades.

Por certo, algúns políticos de ámbito estatal estiveron no pobo, ou preto, pero so viñeron facerse a foto, para eles nós non tiñamos importancia ningunha. O Presidente Rajoy nin sequera apareceu no Concello, sendo incapaces de diferenciar entre de qué partido político é o alcalde, e o desastre ocorrido.

Por iso, por como vivimos nós a nosa traxedia, é polo que comparo como están facendo con esta de Tui, e pregúntome a qué se debe a diferenza. E a resposta non pode ser outra ca de que no caso de Tui as autoridades consideran que non teñen ningunha responsabilidade no ocorrido, e por iso se presentan no lugar sen problema.

Asdo. María Costas Otero (filla de Ángela Otero, falecida no incendio do 15 de outubro en Chandebrito).

Noticias de última hora en Vigo

Comentar noticia

Your email address will not be published.