A Casa da Luz venderá as entradas para os espectáculos do Pazo e do Principal

O convenio con Ticketea como nova canle de venda fixo posible este avance.
Publicado por o día 14/01/2018 na sección de Galicia,Pontevedra

A Casa da Luz venderá as entradas para os espectáculos do Pazo e do Principal

A concelleira de Cultura, Carme Fouces, anunciara novidades sobre o servizo de venda de entradas para os espectáculos do Pazo da Cultura e do Teatro Principal, ata o momento levado a cabo por Ataquilla. E xa están aquí. O cambio a Ticketea permitirá a venda dos billetes a través da propia web e Facebook do Pazo da Cultura e, a partir do luns 15 de xaneiro, a venda física de entradas na Casa da Luz. Unha ubicación idónea tanto polo seu emprazamento nun punto clave do Casco Vello, céntrico e con moita afluencia, como por ser un lugar de información para os visitantes de fóra, que poden querer completar o seu paso pola nosa cidade con algunha actividade cultural das programadas.O servizo nace en definitiva para achegar a venda dos espectáculos programados por Cultura do Concello de Pontevedra ao maior número de público e entre outras cuestións, para cubrir unha demanda, especialmente do público de idade máis avanzada que non manexa as novas tecnoloxías e carece de correo electrónico ou non quere facilitar os seus datos bancarios nin on line nin telefonicamente, que eran as canles de venda anticipada ata o momento.

O persoal da Casa da Luz, que recibiu unha formación por parte da empresa Ticketea, ademais de despachar billetes – polo momento só mediante pago en metálico- está capacitado para facer duplicados de entradas no caso de que o/a titular non as atope e para axudar na compra on line se o comprador prefire a versión dixital á impresa.

Durante o inverno o horario de venda na Casa da Luz será de 9.30 a 14 horas e de 16:30 a 19:30, de luns a sábado. Os domingos e festivos o horario será de 10 a 14 horas.

Como viña sendo habitual, os despachos de billetes do Pazo e o Teatro Principal abrirán igualmente antes de cada evento: dúas horas antes no caso do Pazo e unha no do Principal, salvo os Domingos do Principal, que son tamén dúas horas  antes de cada pase.

Actualmente están á venda abonos para o Ciclo Voices (Drexler + Birkin + confirmación pendente), abonos e entradas para os Domingos do Principal, a recentemente anunciada Ana Moura e Jane Birkin coa OFCP. A venda de entradas soltas para Drexler, finalizou.