Case mil firmas recollidas para a Iniciativa Lexislativa Popular pola renda básica

Publicado por o día 13/06/2014 na sección de GAS,ODS Coia,Parroquia Cristo da Victoria,Social,Vigo

Case mil firmas recollidas para a Iniciativa Lexislativa Popular pola renda básica

Esta mañá a ODS-Coia, a Parroquia Cristo da Victoria e GAS concentrámonos xunto a entrada dun hipermercado en Coia para continuar coa campaña de recollida de sinaturas para a Iniciativa Lexislativa Popular pola Renda Básica. De 10h00 a 13h00 non pararon de achegarse decenas de persoas que apoiaron esta iniciativa coas súas sinaturas. En so tres días temos acadado en torno a mil firmas de veciñas e veciños da nosa cidade. Porén a xente que estea interesada en asinar o pode facer tamén na ODS-Coia, nos locais da parroquia do Cristo da Victoria (Baiona 9, Coia – Vigo), todos os luns de 17h00 a 19h00.

Achegamos o texto que elaboramos para o acto:

Hoxe concentrámonos unha vez máis convocadas pola Oficina de Dereitos Sociais de Coia, a Parroquia Cristo da Victoria e o Grupo de Axitación Social (GAS) co obxectivo de continuar coa recollida de sinaturas da Iniciativa Lexislativa Popular pola Renda Básica. Trátase, sobre todo, de informar á cidadanía sobre a alternativa real que supón a Renda Básica coma instrumento transformador de loita contra a pobreza e de xustiza social, pero tamén, coma moitas outras veces, de saír á rúa para denunciar publicamente a situación de total indefensión e precariedade na que as institucións públicas deixan a unha poboación cada vez máis empobrecida, vítima dun sistema económico excluínte que impide que dispoña do imprescindible para vivir con dignidade.

As cifras son so cifras, e pouco poden dicir dos auténticos dramas persoais que agachan detrás, pero non menten. Medra día a día o número de persoas e familias que viven (ou malviven) por baixo do limiar da pobreza (máis do 20% da poboación estatal, segundo a Enquisa de Condicións de Vida realizada en 2013 polo Instituto Nacional de Estatística). Pero do mesmo xeito medra sen descanso o número de ricos: 1625 persoas cun patrimonio superior aos 23 millóns de euros, o que supón un 7% máis que o ano anterior. A riqueza común, en fin, acumulada nas mans dun poucos, mentres unha crecente porcentaxe da poboación carece do máis elemental.

Fronte a estas cifras que falan con claridade da inxustiza social, as solucións existen e veñen da man da cidadanía que se organiza e busca alternativas para unha vida digna.

Deste esforzo colectivo e do convencemento de que é imprescindible comezar por un real reparto da renda e da riqueza, nace a campaña de recollida de sinaturas da INICIATIVA LEXISLATIVA POPULAR POR UNHA RENDA BÁSICA ESTATAL.

Concibimos a Renda Básica como un instrumento de erradicación da pobreza, un mecanismo de repartición da riqueza e distribución da renda, que pode dar seguridade económica á poboación; que permite iniciar outros modos de vida, fomenta a igualdade de xénero e contribúe a eliminar os estigmas sociais. A Renda Básica pode ser o piar do novo sistema de benestar e un instrumento útil para defenderse da deterioración das condicións de vida que impón o capitalismo global.

A Renda Básica que defendemos non é unha esmola, nin unha prestación asistencial, nin un salario de pobres, senón un dereito inherente á condición de persoas, un dereito coas características de individualidade, universalidade e incondicionalidade.

A ILP pola Renda Básica pretende ser unha ferramenta para sacar da intemperie a milleiros de persoas, mais tamén para combater o medo e a desmobilización social. “Non hai pan para tanto chourizo” berrouse con carraxe nas prazas. Si hai e debe haber recursos para garantir unha vida austera, pero digna, a todas as persoas.

Por todo o exposto, presentamos esta ILP que establece o dereito á Renda Básica, é dicir, o dereito de toda persoa a recibir unha cantidade periódica que cubra as súas necesidades básicas; un dereito individual, universal e incondicional, cunha contía equivalente ao limiar da pobreza (645,33 €/mes) e cunha aplicación gradual en dúas fases: de xeito inmediato trala aprobación da Lei para todas as persoas que non teñan cobertura por desemprego e non dispoñan doutros ingresos, e tamén para aquelas cuxas rendas sexan inferiores á contía da Renda Básica; e nunha segunda fase, para o resto da cidadanía.

Porque temos dereito a vivir con dignidade: RENDA BÁSICA, XA!

PRENSA ODS-Coia
Parroquia Cristo da Victoria
Grupo Axitación Social