Caspervek Ensamble musicalizará en directo Nosferatu, unha sinfonía do horror, no Galician Freaky Film Festival

A proxección e actuación en directo será o 24 de outubro ás 19:30 na Sala Videodrome coma unha das novidades do Galician Freaky Film Festival
Publicado por o día 10/10/2019 na sección de Eventos,Galicia,Vigo

Caspervek Ensamble musicalizará en directo Nosferatu, unha sinfonía do horror, no Galician Freaky Film Festival

 A terceira edición do Galician Freaky Film Festival, que se celebra do 24 ó 26 de outubro, preséntase máis gamberra, máis cargada de serie B, terror, ciencia ficción e gore e tamén máis cheo de novidades e actividades para tódolos gustos. Dentro destas hoxe deron a coñecer unha nova actividade que representa unha gran oportunidade para os amantes do cinema de xénero máis clásico: a musicalización en directo de Nosferatu, unha sinfonía do horror, a obra mestra de F.W. Murnau, por parte do Caspervek Ensamble.

Brais González no piano e sintetizadores, Raquel Fernández no violín, Erea Carbajales no violín e guitarra eléctrica, Blas Castañer na percusión e sintetizadores e Óscar Mourelos na percusión, serán os encargados de poñer a banda sonora en directo ó clásico do expresionismo alemán. Caspervek xa levou a cabo unha musicalización en directo desta mesma obra no 2014, sen embargo, aínda que toman aquela experiencia coma un punto de partida, o resultado é totalmente diferente.

“Está composta tendo sempre en conta o aspecto performativo” –comenta, Brais González– “os dous percusionistas e as dúas violinistas estarán enfrontados xerando unha especie de Caspervek bífido”. A inspiración para a peza ven directamente da música do expresionismo alemán e con matices do dodecafonismo e tamén das melodías e instrumentación do cine de terror.

Nosferatu, o primeiro gran vampiro do cinema

Nosferatu, unha sinfonía do horror, proxectouse por primeira vez en 1922, pero a historia detrás da peli comezaría un par de anos antes de mans do ocultista Albin Grau quen tiña o gran interese de mostrar ó mundo o universo dos vampiros. Facendo unha adaptación libre do Drácula de Bram Stoker (que lle valería una demanda da súa viúva por plaxio), creou a personaxe do Conde Orlok o chupasangue de aspecto máis terrorífico de todos e que non podía expoñerse á luz do Sol.

Baixo a dirección de F.W. Murnau e a interpretación de Max Schreck, Nosferatu, unha sinfonía do horror, converteuse nun dos grandes títulos do expresionismo alemán, todo un fito do cinema de vampiros e unha fonte inesgotable de lendas e mitos relacionados coa cinta.

A oportunidade de poder desfrutar da nova composición musical do Caspervek Ensamble será o vindeiro 24 de outubro ás 19:30 no centro de operacións do Galician Freaky Film Festival, a Sala Videodrome. A entrada custará 7 euros e incluirá dúas pases de curtametraxes despois da proxección e musicalización de Nosferatu, unha sinfonía do horror.

Comentar noticia

Your email address will not be published.