Catalogación da camariña como especie vulnerable

Publicado por o día 16/01/2019 na sección de Social,Sociedade Galega de Historia Natural

Catalogación da camariña como especie vulnerable

A catalogación da camariña (Corema album) ven de ser solicitada pola Sociedade Galega de Historia Natural que, logo de compilar a información científico-técnica dispoñible, constatou que cumpriría nove dos criterios (A2, B1, B2a, B2b, B2c, B2d, D e F) e probablemente os criterios C1 e C2 para a súa inclusión na Categoría de Vulnerable no Catálogo Galego de Especies Ameazadas.

Criterios A1 e A2: declive da poboación

Dende hai un cuarto de século os botánicos levan advertindo do declive das súas poboacións tanto en Galicia como no resto da súa área de distribución, así como sobre a necesidade de investigar novas metodoloxías de propagación para garantir a súa conservación.

Criterios B1, B2a, B2b, B2c e B2d:  diminución ou  fragmentación da área de ocupación

A camariña presenta unha área de presenza fragmentada ou en proceso de fragmentación, así como un descenso continuo da súa: a) Área de presenza, b) Área de ocupación. c) Superficie e/ou calidade do hábitat. d) Número de localidades.

Criterios C1 e C2: tamaño da poboación

Segundo os censos realizados por Pablo Guitián Rivera, Antón Bouza Sierra e Belén López Retorta, na segunda metade dos anos 90 os efectivos deCorema albumeran duns 7.000 individuos repartidos en 9 localidades, pero con máis do 93% da poboación concentrada en só dúas delas, a praia de Trece e as Illas Cíes (Pablo Guitián Rivera, com. pers.). Carécese de datos actuais do tamaño poboacional da especie en Galicia pero, se ben non aportan datos cuantitativos que permitan asegurar con total certidume o seu cumprimento, cabe deducir o cumprimento dos criterios C1 e C2 á vista dos declives poboacionais e de retracción da área de distribución sinalados por todos os autores que trataron o estado de conservación da especie (Sóñora, 1994; Clavijo et al., 2002, 2003; Fagúndez, 2006; Brás de Oliveira e Dale, 2012; Ferreira-Rodríguez, 2012; Alvarez-Cansino et al., 2017).

Criterio D: Características do taxón

A rexeneración natural deC. albumdepende completamente de vectores animais que actúan como elementos facilitadores permitindo a quebra da latencia e perto dun 80% das plántulas morre aínda na fase de cotiledóns e só un 1-2% das plántulas pode chegar ao ano seguinte (Clavijo et al., 2003; Álvarez-Cansino et al., 2017). Os resultados suxiren un nivel de frutificación máis elevada nos núcleos de poboación con densidades de poboación máis elevadas (Guitián et al., 1997) e indican que a rexeneración natural é moi lenta tanto no borde norte como no sur da súa distribución (Álvarez-Cansino et al., 2017) .

Tendo en conta a vulnerabilidade da especie ao incremento da aridez polo cambio climático no limite meridional da súa área de distribución (Álvarez-Cansino et al., 2013), pois o incremento do estrés fisiolóxico coa aridez podería levar a una retracción potencial e unha variación na estrutura das poboacións se o cambio climático afecta de diferente xeito aos dous sexos (Álvarez-Cansino et al., 2012), as poboacións galegas que constitúen o límite setentrional de distribución da especie poderían resultar cruciais para a súa conservación a medio-longo prazo.

CriterioF. Criterio de expertos

Á vista de todas as publicacións científicas antes citadas, pode asegurarse que existe unanimidade entre os expertos na bioloxía da especie acerca da vulnerabilidade das súas poboacións, especialmente nos extremos da súa distribución e, polo tanto, en Galicia que é o límite setentrional da especie.Corema albumxa está catalogada na categoría de Vulnerable no libro vermello da flora silvestre ameazada de Andalucía (Blanca et al. 2003).