Catro “artefactos incendiarios voadores”, mobilizan aos veciños en Areas de Tui

Publicado por o día 14/09/2019 na sección de Galicia,Sucesos,Tui

Catro “artefactos incendiarios voadores”,  mobilizan aos veciños en Areas de Tui

Martes 10 de setembro, Anta, un barrio da parroquia de Areas – Tui, pasaban uns minutos das 13:30h, cando varios veciños asústanse ao escoitar un estrondo ao lado das súas vivendas, saen das súas cociñas, mirando para o ceo, observan como un artefacto con lume sobrevoa as súas casas deixando un gran rastro fume branco, deseguido, escoitan a segunda, terceira e cuarta detonacións, por instinto xiran as súas cabezas e localizan cadanseu aparello voador, con diferentes destinos pero coa mesma descrición e a mesma orixe.

Neses momentos de confusión, unha das veciñas máis próximas as detonacións, alerta por “whatsApp” ao grupo de Voluntarios de Areas, do que está acontecendo, mentres se chama a “Garda Civil”, varios voluntarios mobilízanse por varios puntos estratéxicos da parroquia, uns polo monte, outros pola zona onde se tiraron os artefactos, todo apuntaba que había unha intención de prender lume nos montes de Areas, despois de inspeccionar a zona por varios voluntarios só se puideron localizar dous dos catro “artefactos incendiarios voadores”.

Os “artefactos” en cuestión eran “foguetes bengalas con paracaídas”, similares ás que se utilizan en emerxencias marítimas para pedir auxilio facéndose ver a longa distancia, estes “foguetes” teñen un alcance mínimo de altura duns 300m, ademais deben manter lume durante uns 40 segundos, de aí o seu elevado risco de provocar incendios intencionados a distancia. A patrulla da “Garda Civil” chega ao lugar dos feitos toma nota das declaracións dos veciños testemuñas alí presentes, tiran fotos e levan consigo os artefactos para analizar.

A día de hoxe continúan a investigar para esclarecer o acontecido. “Voluntariado Monte Areas”, hai xa 14 anos que un grupo de veciños-comuneiros da parroquia de Areas, se xuntaron e decidiron organizar vixilancias do seu entorno, en especial na época de maior risco incendiario, daquela, nos visitaran varios gardas forestais para formarnos na detección e extinción de lumes, co reparto final de chalecos que nos identificaban como voluntarios e varios batelumes, a día de hoxe hai máis de 50 voluntarios que percorrren o monte de Areas por parellas, todos os días de verán de maneira rotativa por un calendario interno.

“A día de hoxe, os veciños amósanse moi preocupados polo acontecido, agradecemos a colaboración cidadá que nos poida axudar con información. Agardamos que as persoas implicadas no lanzamento dos artefactos que puxeron en risco os nosos montes, no pasado martes, sexan identificadas o antes posible” manifestan.

Info vía Sondolouro.com