Catro feridos ao caer por un barranco o vehículo no que viaxaban no Barco de Valdeorras

Publicado por o día 29/03/2019 na sección de Sucesos

Catro feridos ao caer por un barranco o vehículo no que viaxaban no Barco de Valdeorras

Catro persoas resultaron feridas despois de caer co seu turismo por un desnivel de bastante profundidade cando circulaban pola estrada que une as parroquias de Alixo e Sobradelo, no Barco de Valdeorras.

Para rescatar aos ocupantes do coche, foi necesaria a intervención dos bombeiros, xa que, o vehículo quedou pendurado dunha árbore e corría o risco de seguir caendo. Malia ao impacto, as catro persoas resultaron feridas leves, aínda que igualmente foron evacuadas ao centro hospitalario de referencia.

O sinistro produciuse pouco despois das 19:30 horas da pasada tarde, cando o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) 112 Galicia recibiu a chamada de auxilio dun dos ocupantes do turismo. Axiña, os xestores de emerxencias alertaron do sucedido ao 061-Urxencias Sanitarias e aos Bombeiros de Valdeorras, que tiveron que botar man do material de excarceración para estabilizar o vehículo e poder rescatar aos ocupantes.

Ademais, solicitouse a intervención e dos axentes da Garda Civil, da Policía Local e dos membros do GES da localidade co fin de prestar a súa colaboración neste operativo.